Os empresarios da Reigosa queren instalar un sistema de videovixilancia para evitar roubos no polígono

Pontevedra
10 de xuño 2013

A Entidade de Conservación do Polígono considera importante a instalación de 15 cámaras para mellorar a seguridade de instalacións e empresas e co fin de disuadir e evitar roubos na zona. Para poder levar adiante o proxecto, o Concello de Ponte Caldelas solicitou unha subvención á Xunta de Galicia

Imaxe aérea do Poligono do Campiño - A Reigosa
Imaxe aérea do Poligono do Campiño - A Reigosa

O Concello de ponte Caldelas, en nome dos 49 propietarios de parcelas no parque empresarial da Reigosa, acaba de solicitar unha subvención económica á Consellería de Economía e Industria para a instalación dun sistema de videovixilancia na zona.

Segundo informou o Concello, aínda que dende o inicio da súa actividade o Parque Empresarial da Reigosa conta con vixilancia nocturna sufragada pola Entidade de Conservación, os propietarios das empresas alí instaladas consideran importante dotar ao recinto dun servizo de videovixilancia co fin de disuadir e evitar roubos na zona.

Dende a posta en marcha do Parque Empresarial da Reigosa só houbo incidencias en materia de roubo de cableado eléctrico en agosto de 2010, e de mobiliario urbano como algunhas papeleiras e bancos en 2011 e 2012. Malia este baixo índice de delincuencia, dende a constitución en febreiro de 2012 da Entidade de Conseración del Parque Empresarial da Reigosa, integrada polos propietarios das 49 parcelas existentes, decidiuse contratar unha empresa de seguridade para a vixilancia nocturna, co fin de garantir a seguridade das instalacións e as empresas alí situadas.

Piden unha subvención para instalar 15 cámaras coas que mellorar a seguridade de instalacións e empresas

O Concello e a Entidade de Conservación consideran que dotarse dun sistema de videovixilancia redundará na seguridade das empresas instaladas e tamén favorecerá a implantación de novos proxectos industriais ao poder garantirse así mellor a tranquilidade de operarios e de emprendedores.

O proxecto prevé a instalación dun total de 15 cámaras repartidas polas distintas rúas que conforman o Parque Empresarial da Reigosa coa intención de salvagardar os intereses de empresas e bens de carácter público obxecto de roubos ou actuacións vandálicas.

O sistema que se quere implantar consta dun gravador dixital con capacidade de almacenamento de imaxes durante as 24 horas. As imaxes captadas polas cámaras serán visualizadas en streaming e en tempo real nos ordenadores do cuarto de operadores de seguridade por medio dunha páxina web e o sistema rexistra automaticamente as entradas e saídas de vehículos de calquera tipo (coches patrulla, motos, grúas...) evitando que unha persoa estea dedicada a esa función case en exclusiva durante as 24 horas do día

Por outra parte, o sistema prevé explicitamente que non se colocará ningunha cámara de vídeo en ningún lugar que poida violar a intimidade das persoas en ningunha das súas facetas, laboral ou particular. Ademais, a zona irá perfectamente identificada con sinais que advirtan as persoas que poden ser filmadas.

Arquivado en