A platafoma non á ampliación da depuradora de Lourizán vén de pedir a dimisión "por mentir e por incompetencia" de Teresa Gutiérrez, directora de Augas de Galicia, despois da súa intervención deste xoves na comisión de Medio Ambiente do Parlamento galego.
Teresa Gutiérrez defendeu o modelo polo que aposta a Xunta centrado na mellora e ampliación da EDAR de Praceres e o novo emisario submarino.
Para a directora de Augas de Galicia "cambiar agora a EDAR" ou construír unhas novas no porto de Marín ou no polígono da Reigosa supoñería "cambiar tamén todas as redes de saneamento" que están dirixidas cara á actual depuradora polo que asegurou que a da Xunta é a "mellor alternativa" desde o punto de vista "técnico, económico, social e ambiental", ademais de ser o máis "realista" fronte a formulacións "imposibles".
Desde a plataforma de Lourizán afirman que a directora de Augas de Galicia "vai ao Parlamento galego a mentir" e advirten que se di que a ampliación da depuradora é obrigada "entón é que nos toma por parvos á cidadanía" e se di que a súa solución para o problema das augas industriais do porto de Marín é que se van a transportar a partir de agora a través do novo colector de Marín, "entón é que é unha incompetente". Por todo isto, engaden, debe dimitir.
Por último, con ocasión do Cumio do Clima que se está a celebrar estes días, a plataforma de Lourizán engade que a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e a Xunta de Galicia "non están á altura e non se toman en serio este problema, ao propoñer a ampliación da EDAR dos Praceres nunha cota -1 metros sobre o nivel do mar, tendo en conta o previsible aumento do nivel do mar nos próximos anos".