Este martes celebrouse unha reunión dos concellos que captan a auga en alta do río Lérez para "poñer coñecementos en común e acordar un seguimento conxunto". A xuntanza tivo lugar no Concello de Pontevedra e participaron Bueu, Marín e Poio. Non asistiu Ponte Caldelas porque a súa captación é en baixa e tampouco acudiu Sanxenxo, que declinou participar.
A concelleira responsable do Ciclo da Auga na capital, Carme da Silva informou da situación actual e dos plans do Concello perante o contexto de seca aos representantes dos municipios de Bueu, o alcalde, Félix Juncal; Marín, a concelleira de Medio Ambiente Marián Sanmartín e Poio, o alcalde, Luciano Sobral.
Da Silva entregoulles o Plan Excepcional de Actuacións ante situación de Escaseza Conxuntural de recursos hídricos por mor da situación de seca, no que se prevén unha serie de medidas. Os técnicos do Concello e os de Viaqua, a empresa concesionaria do servizo da auga na capital, estableceron catro niveles: normalidade, prealerta, alerta e emerxencia.
Á saída do encontro Da Silva indicou que puxeron en común a "enorme preocupación que temos pola situación do abastecemento e porque haxa que tomar nalgún tempo máis medidas restritivas".
"Quedamos en que teremos reunións de carácter periódico, unha por semana, e que terán un formato telemático, non é preciso, por comodidade e eficacia para todos e todas, que sexa presencial", indicou a edil pontevedresa. "Iremos vendo e traballando nas alternativas segundo evolucione o río e as outras opcións de abastecemento coas que contan os outros municipios".
A auga subministrada ao Concello de Pontevedra ten dúas orixes, o río Lérez a través do Bombeo de Monte Porreiro e o Encoro de O Pontillón do Castro, situado na parroquia de Verducido. As dúas captacións provén de auga á Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) situada na parroquia de Lérez. Estas, ademais de subministrar auga potable á cidade de Pontevedra, fornecen auga aos municipios de Poio, Sanxenxo, Marín e Bueu a través da rede de abastecemento de auga en alta. Está previsto para o 2023 tamén o subministro ao Concello de Vilaboa.
A diferenza da capital o resto de concellos dispoñen doutras fontes alternativas. Así, Marín, Bueu e Poio dispoñen de mananciais propios e Sanxenxo dispón de subministro tamén dende o sistema da Mancomunidade do Salnés.
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, incidiu en que as captacións que ten o seu municipio tamén están a sufrir "unha baixada de caudal moi grande" o mesmo que repetiron o resto de responsables municipais.
Pola súa banda, a concelleira de Medio Ambiente de Marín, Marián Sanmartín valorou positivamente o entendemento entre os concellos e engadiu que os bandos que están a emitir as diferentes Alcaldías "deberían ser máis uniformes para que uno non prohíba unha cousa e outro só a recomende" e avogou por "chegar a un consenso e tomar medidas para que a poboación lle chegue a información de forma responsable e coordinada"