Dous meses de prazo terán as comunidades de montes de Pontevedra e dos concellos colindantes para presentar as súas propostas para acoller a nova planta de compostaxe que impulsan o Concello de Pontevedra e a Deputación. Así o avanzou este venres o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, que informou que desde o goberno local xa se lles está remitindo o acordo plenario que, neste sentido, se aprobou o pasado luns.
As comunidades de montes de Pontevedra son 19 e as dos concellos da contorna son outras tantas. Deberán presentar oficialmente as súas ofertas, por escrito, e a partir da publicación no BOP de dito acordo plenario.
Mosquera indicou que a petición mínima de terreos será duns 20.000 metros cadrados, "pero confiamos en poder chegar a 40.000 ou 45.000 metros cadrados".
Os terreos deberán ter unhas condicións mínimas. Entre elas, non poden ter excesiva pendente; a comunicación viaria debe ser doada, de tal xeito que terá que estar preto dunha vía ou que se poida acceder a unha vía con facilidade; ou que non teña problemas para dotalo de servizos básicos tales como auga, saneamento, gas ou luz.