A expedición pontevedresa da Deputación coñeceu este luns o sistema de tratamento de lixo que se está a realizar na localidade vasca de Larrabetzu cun grupo de 175 veciños e dous restaurantes e que é "perfectamente aplicable" a pequenos núcleos de poboación dentro de calquera concello da provincia de Pontevedra e incluso a hortas urbanas, como as de Conde Bugallal e Eduardo Pondal, segundo informou o Gabinete de comunicación da Institución provincial.
Esta forma de compostaxe comunal está a reducir en case un 20% o lixo que vai ao sistema de residuos habitual (a incineración) e supón tanto un beneficio económico como ecolóxico para a Administración local. Os custes de poñer en marcha esta iniciativa reducíronse "a 32 euros de mercar os parafusos e as madeiras", segundo explicou o encargado da planta, Eduardo Cordero, "para que despois un agricultor se fixera cargo do mantemento e se beneficiase do uso do compost".
No caso de Pontevedra, tódolos concellos que quixeran poñer en marcha unha iniciativa similar poderían facelo de forma inmediata co soporte técnico da Deputación, que se faría cargo de poñer a disposición o maestro compostador e da súa formación e dotaría do estruturante para chegar ao compost final. Os beneficios notaríanse tanto nun aforro na recollida, no tratamento como na utilización do produto final por parte dos agricultores.
No caso de Larrabetzu, de feito, este sistema se aplica en paralelo á xestión que fai o concello vasco dentro da mancomunidade da que forma parte (que trata outras dúas terceiras partes do dos residuos orgánicos da vila). En breve, os composteiros pasarán a incorporar a fracción orgánica de outros 40 veciños, así como os do restaurante Azurmendi (de tres estrelas Michelin). O obxectivo é ir incorporando cada vez a máis poboación.
Por todos estes motivos, o sistema de Larrabetzu é "perfectamente extrapolable á pequenos núcleos da provincia galega", polo que dende o goberno provincial entenden que éste "pode ser un perfecto punto de partida para comezar a aforrar no recibo do lixo e para concienciar á poboación da súa necesaria implicación nos tratamentos biolóxicos do lixo".
Representantes dos 25 concellos que participaron na visita mostraron o seu interese por este tipo de planta de tratamento polo seu baixo custe, polo que a curto prazo poderían verse instalados composteiros comunais similares na provincia de Pontevedra.