Ana Cedeira, presidenta do comité de oficinas centrais de Ence; e Pablo Bacariza, secretario do comité de fábrica, encabezaban este xoves a rolda de prensa acompañados por representantes das empresas auxiliares e forestais da factoría de Lourizán.
A mensaxe que trasladaron ía dirixido ás distintas administracións con competencias para buscar unha solución ao futuro de Ence. Ana Cedeira esixía á ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira, que convoque a segunda mesa de negociación de maneira inmediata e que sexa en Pontevedra.
Igual que foi ao Mar Menor" pídelle a Ribeira que se traslade á cidade do Lérez para coñecer o problema. "Non queremos trasladar o problema a Madrid senón que veña Madrid aquí para que o vexa e busque a solución", apuntou lembrando tanto ela como Juan Fernández, representante do sector forestal, que o problema o crearon "os políticos". Cedeira insistiu en reivindicar que queren "seguir traballando en Ence e en Ence en Pontevedra".
Ao mesmo tempo, insta á Xunta de Galicia a que adopte as competencias que lle corresponden ao ser responsable da política industrial na comunidade autónoma. Os representantes sindicais afirman que, desde abril, non hai movementos para tentar atopar algunha fórmula que garanta os seus postos de traballo.
Neste mesmo sentido, Pablo Bacariza tamén facía referencia á dirección de Ence para que a empresa participe activamente na procura de solucións para ofrecer continuidade aos postos de traballo. E pediulles que, en caso de non facelo, se aparten para deixar paso a outras empresas multinacionais que se queiran encargar da explotación desta industria "incluso chegando a pechar o ciclo produtivo".
Trátase dunha das primeiras ocasións nas que desde o comité de empresa demandan directamente á dirección de Ence que cambie de actitude despois de que o presidente Ignacio de Colmenares lles afirmara que acudirían á mesa de diálogo "só por educación".
"Ir por educación non significa ser unha parte activa. Se a intención da empresa é non colaborar ou non ser partícipe desas alternativas, ao mellor ten que vir outro que si queira selo e aproveitar esta industria que está establecida xa en Galicia. A min o que me importa é seguir traballando. Se sigo traballando, eu non sinto as cores", asegurou Bacariza reclamando unha maior participación por parte da empresa pasteira nas negociacións.
O secretario do comité pediu que, en todo caso, non se adopte unha decisión política ou empresarial que "precipite unha decisión sen lograr unha solución" para os traballadores.
Pablo Bacariza: "Se a intención da empresa é non colaborar ou non ser partícipe desas alternativas, ao mellor ten que vir outro que si queira selo e aproveitar esta industria que está establecida xa en Galicia"
Os dous representantes sindicais mostraron a súa preocupación polo silencio desde as administracións nas últimas semanas e Cedeira lembrou que non están dispostos "a aceptar que se pare a produción e o cesamento da actividade sen máis" incidindo na reactivación da mesa que sente a todas as partes.
Sinalan que aínda non se presentou o recurso ante o Tribunal Supremo á sentenza da Audiencia Nacional que anula a prórroga ao ser agosto un mes inhábil. O prazo de presentación finaliza o 28 de setembro e a partir de aí, os comités temen que se o Supremo non admite a trámite o recurso, desde o Goberno central se demande a execución da sentenza co consecuente cesamento da actividade industrial. No caso de que se admita, a marxe de tempo antes da sentenza é escasa, segundo sinalaba Pablo Bacariza, e por este motivo pide unha nova xuntanza canto antes: "se pode ser mañá que non sexa pasado".
Óscar Fontecova, en nome das empresas auxiliares, manifestaba tamén que non se pode permitir que Ence peche na comarca porque numerosas empresas están ligadas á produción da pasteira. "Quedamos no paro", admitiu ante un posible cesamento de actividade.
Os representantes dos traballadores anunciaron novos actos de protesta aínda por definir para os próximos días lembrando que esas accións son a "única linguaxe que entenden os políticos", sinalou Ana Cedeira.