Os cinemas de Vialia impiden que nenos con diabete accedan con mochilas desatendendo á Valedora do Pobo

Pontevedra
29 de xuño 2016

A persoa encargada de recoller as entradas prohibiu a tres nenos da asociación de 9, 12 e 14 anos acceder coas súas mochilas, algunhas delas mesmo rotuladas co logo e o nome de Anedia. Tras a protesta dos adultos que lles acompañaban, saíron a falar con eles outros dous responsables, pero tamén lles impediron entrar levando as súas mochilas. Formalizaron a queixa en tres follas de reclamación

Espectadores no primeiro día de apertura de Cinexpo
Espectadores no primeiro día de apertura de Cinexpo / Diego Torrado

A Asociación de Nenos con Diabete de Galicia (Anedia) constatou este mércores, unha vez máis, que os responsables dos cinemas de Pontevedra, Cinexpo, impiden aos menores con diabete acceder ás salas situadas en Vialia coas mochilas nas que levan alimentos e material hixiénico e sanitario que necesitan para poder enfrontar situacións de hipoglucemia ou outras asociadas á súa enfermidade.

Xa constataran no pasado esta circunstancia, pero a diferenza é que nesta ocasión a prohibición chega un mes despois de que a Valedora do Pobo lles indicase que xa realizara unha mediación coa xerencia do establecemento para poder poñer fin a esta situación

A presidenta de Anedia, Ana Pérez, explicou que a asociación convocara para este mércores pola tarde unha quedada simultánea en cinemas de toda Galicia para comprobar se se producira algún cambio na dinámica habitual de moitas das salas de cidades galegas, nas que prohiben a diario aos nenos acceder coas súas mochilas, tras a mediación da Valedora. En polo menos tres cidades a realidade que se atoparon foi unha nova prohibición: Ourense, Vigo e Pontevedra. 

Nos cinemas de Pontevedra, segundo explicou, a persoa encargada de recoller as entradas prohibiu a tres nenos da asociación de 9, 12 e 14 años acceder coas súas mochilas, algunhas delas mesmo rotuladas co logo e o nome de Anedia. Tras a protesta dos adultos que lles acompañaban, saíron a falar con eles outros dous responsables, pero tamén lles impediron entrar levando as súas mochilas. 

Segundo indicou Anedia, explicáronlles aos responsables que no mes maio trasladaron unha queixa relativa a estas prohibicións á Valedora do Pobo e, días despois, esta chamoulles para comunicarlles que xa se puxeron en contacto coa o xerencia de Cinexpo para trasladarlle a petición e logrouse o libre acceso con mochilas para estes nenos. Con todo, as persoas que este mércores falaron coa asociación en nome da xerencia aseguráronlles que non falaran coa Valedora do Pobo.

Pais de nenos con diabete formalizaron a súa queixa a través de dúas follas de reclamación, Ana Pérez cubriu unha terceira en nome de Anedia e ademais realizaron publicamente unha queixa para denunciar que nos cinemas venden habituamente comida pouco sa e non recomendada para persoas con diabete, tales como bolería industrial, flocos de millo, gominolas ou chocolates, de modo que lles impiden aos seus fillos levar do exterior unha merenda saudable que necesitan nas súas mochilas alegando que se pode comprar comida nos cinemas, pero iso non é certo, pois non lles ofrecen menús que poidan consumir.

Ademais, a sesión de tarde os cinemas adoita coincidir coa hora da merenda, na que os nenos con diabete teñen que ser moi estritos e respectar horarios e alimentos.