Deporte e cinema daranse a man na entrega dos premios Cidade de Pontevedra 2023, que se fallaron este xoves. A futbolista Teresa Abelleira e a produtora Matriuska Producciones, responsable da película Matria, foron os galardoados nesta ocasión.
Ambas as opcións foron apoiadas pola unanimidade do xurado, a quen o edil de Cultura, Demetrio Gómez, agradeceu o "espírito colaborador" para alcanzar un consenso para pesar do gran número de propostas presentadas pola cidadanía.
O premio a Teresa Abelleira, campioa do mundo de fútbol, que recibirá o Cidade de Pontevedra na categoría de persoa física, débese ao "excepcional resultado deportivo" alcanzado coa selección española e o seu papel como "referente" dentro do fútbol feminino.
"É un orgullo contar con Teresa Abelleira entre nós", sinalou o responsable municipal de Cultura, que tamén destacou a figura desta futbolista pola súa defensa polos dereitos das mulleres "e contra o machismo" dentro e fóra do seu deporte.
Matriuska Producciones, pola súa banda, recibirá o premio Cidade de Pontevedra na modalidade de persoa xurídica. Gómez destacou a "gran traxectoria" desta compañía no panorama audiovisual galego, especialmente en 2023 co éxito da película Matria.
Este filme, rodado en Pontevedra, "puxo no mapa a puxanza do sector cultural da cidade", defendeu o concelleiro de Cultura, sendo a primeira produción audiovisual pontevedresa que se estrea nos festivais de cinema de Berlín e Málaga.
Está, ademais, nomeado aos Premios Goya deste ano, onde opta aos premios á mellor actriz, para María Vázquez, e ao mellor director novel, para Álvaro Gago.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, xa informou a ambos os galardoados, tras a deliberación do xurado, da concesión deste premio, que se entregará no pleno extraordinario que a corporación municipal celebrará o 20 de xaneiro, día de San Sebastián.