Os barrios de Campolongo e Monte Porreiro empezarán coa compostaxe comunitaria á volta do verán

Pontevedra
23 de maio 2016

Simultaneamente a este proceso, un grupo de mestres composteiros da Deputación empezou a traballar no Concello de Pontevedra para elaborar, no prazo dun mes, un Plan de Residuos para todo o municipio "como nunca se fixo en ningún concello de todo o Estado"

Entrega de identificacións aos mestres composteiros
Entrega de identificacións aos mestres composteiros /

Nos barrios de Campolongo e Monte Porreiro e na parroquia de Campañó instalaranse unha serie de composteiros para iniciar o proceso comunitario de compostaxe. Nestes momento o concello está a elaborar o prego de condicións para a súa compra, para empezar nun prazo de catro meses "á volta do verán".

Simultaneamente a este proceso, un grupo de mestres composteiros da Deputación empezou a traballar no Concello de Pontevedra para elaborar, no prazo dun mes, un Plan de Residuos para todo o municipio "como nunca se fixo en ningún concello de todo o Estado".

Este documento servirá de base para que o goberno local poida tomar as decisións máis acertadas en cuestións como a adxudicación do servizo de recollida de residuos e limpeza viaria, a ordenanza de residuos ou o deseño da futura planta de compostaxe.

Carme da Silva e César Mosquera, concelleira de Servizos e concelleiro de Infraestruturas e vicepresidente da Deputación, encomiaron a "altísima capacidade" destes mestres composteiros para desenvolver este estudo en detalle do "máximo nivel" o que supón unha "garantía de éxito" de fronte ao obxectivo que persegue o goberno local.

Trátase dun estudo "moi dinámico" que inclúe multitude de datos de distintas fontes oficiais e que leva moito traballo de rúa, polo que o Concello de Pontevedra entregoulles uns cartóns identificativos para que os cidadáns recoñezan que estas persoas están a desenvolver un estudo oficial para a administración.

Arquivado en