Os arquitectos aceptan vender a parcela de Arzobispo Malvar para un dos crematorios

Pontevedra
06 de novembro 2012

Esta venda non implica que o tanatorio-crematorio vaia a ser unha realidade. Segundo aclararon desde o COAG e desde as empresas que adquirirán a parcela, o acordo de venda pode romperse. Está supeditado a que o proxecto consiga a licenza municipal para a súa construción

51 votos a favor, 31 en contra e 11 abstencións. ÿ o resultado da votación realizada no seo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) sobre a venda ás funerarias Alianza y Barros e Pompas Fúnebres da parcela entre Arzobispo Malvar e a avenida de Uruguay. Aceptaron así a oferta de 600.000 euros que ofrecían as empresas, que pretenden instalar alí un dos tanatorios-crematorios que se proxectan na cidade.

A venda do solar, unha leira de 772 metros cadrados que nun principio estaba destinada á construción da nova sede do COAG en Pontevedra, foi aprobada nun debate nada tranquilo nin, moito menos unánime. Malia que o diñeiro servirá para aliviar a delicada situación económica do órgano colexiado, tralas máis de tres horas de reunión, moitos dos arquitectos, na súa maioría de Pontevedra, opuxéronse a esta operación.

"Moi intenso e reñido" foi o debate no seo do COAG, como algún dos seus colegiados afirmaba públicamente en Twitter. "O tema do crematorio bota fume", dicía outro. E non é para menos. Algúns dos arquitectos expresaron a súa preocupación polo deterioro de imaxe que esta venda pode causar na cidade de Pontevedra, onde existe xa unha forte oposición veciñal a este proxecto.

De acordo co prezo ofertado, os arquitectos debateron sobre esta cuestión, ao entender que a súa posición na cidade pode quedar en dúbida e sobre asuntos máis técnicos como o volume de edificación que podería ter este tanatorio-crematorio ás portas do Centro Histórico da cidade. E é que ademais deste centro, o COAG reservarase unha parte da parcela para levantar a súa sé si conseguen o financiamento.

Sexa como sexa, esta venda non implica que o tanatorio-crematorio vaia a ser unha realidade. Segundo aclararon desde o COAG e desde as empresas que adquirirán a parcela, o acordo de venda pode romperse. Está supeditado a que o proxecto consiga a licenza municipal para a súa construción. Alianza y Barros e Pompas Fúnebres presentaron xa o proxecto básico e a solicitude de licenza. Fixérono antes do previsto. Pero que lla concedan será outro tema.