Os alumnos do instituto Johán Carballeira deseñan unha aplicación turística para Bueu

Bueu
20 de xaneiro 2018

A aplicación "naceu da curiosidade polo que significan os nomes das nosas rúas"

Os alumnos do Instituto Johán Carballeira deseñan unha aplicación turística para Bueu Concello de Bueu

O Concello de Bueu recibiu este venres de mans do IES Johán Carballeira unha aplicación turística para a vila que foi elaborada polo alumnado do centro no marco do proxecto interdisciplinar "Entre rúas" que se levou a cabo durante todo o pasado ano.

Esta entrega simbólica tivo lugar nun acto que se celebrou na biblioteca do instituto, e no que estiveron presentes as concelleiras de turismo e educación, Silvia Carballo e Teresa López, a directora do centro, Asun Soñora, a inspectora de educación, Adoración de la Fuente, e as profesoras Carmen Miñambres, Luísa Conde e Noelia Lamosa, ademais dalgúns alumnos.

A aplicación "naceu da curiosidade polo que significan os nomes das nosas rúas", en palabras da vicedirectora do centro, quen destacou que a ferramenta foi elaborada pola empresa Cleventy cos datos achegados polo alumnado e o profesorado implicado. Neste mesmo senso falou a directora, quen se dirixiu ao rapaces para lembrarlles que "nos parece importantísimo que coñezades onde vivides".

A aplicación recolle dúas rutas, unha biográfica e outra matemática, coas que as persoas deberán ir paseando pola vila para resolver as cuestións plantexadas e conseguir puntos, nunha especie de procura do tesouro, segundo os impulsores deste proxecto.

A partir de agora, as incógnitas como quen era Matilde Bares e que relación tiña con Ramón Bares ou que significa a palabra Kayrel quedarán resoltas e permitirán á cidadanía e aos turistas indagar na historia e no coñecemento do pasado e presente de Bueu.

Por iso, a concelleira de turismo, Silvia Carballo, agradeceu enormemente o traballo de todo o alumnado e profesorado implicado, do que recolleu un diploma no que se simbolizaba esta aplicación.

No acto, a edil avanzou que "é case seguro que a teremos funcionando en Semana Santa, xa que é unha época con moito turismo e idónea para presentala en sociedade".