Orbe xa ten listo o proxecto para a súa fábrica de conservas na Reigosa

Ponte Caldelas
12 de setembro 2014

A idea da empresa é poder ter finalizada a obra durante o primeiro semestre de 2015, co obxectivo de que a fábrica poida xa comezar a súa actividade o próximo verán

Presentación do proxecto de Orbe no Concello de Ponte Caldelas
Presentación do proxecto de Orbe no Concello de Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

A conserveira Orbe xa ten a punto o proxecto de construción da súa nova fábrica no Parque Empresarial da Reigosa. Tras a declaración de incidencia ambiental favorable outorgada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta, só resta que o Concello outorgue a correspondente licenza de obra e actividade para que a empresa poida xa iniciar a construción da súa nave.

A pesar diso, Orbe SA xa iniciou o pasado mes de agosto as tarefas de acondicionamento do terreo da parcela n.º 13 na que se instalará a fábrica, e para o que conta coa correspondente autorización municipal. O Concello de Ponte Caldelas espera poder outorgar a licenza de obra nos próximos días.

O proxecto contempla unha nave para a fábrica de conservas cunha superficie total de aproximadamente 5.589 metros cadrados de ocupación en planta.

Terá unha planta baixa cunha superficie útil de 5.437,93 metros cadrados destinada principalmente á elaboración de conservas de peixes e mariscos; unha planta primeira cunha superficie útil de 429 metros cadrados para oficinas, aseos, comedor e unha zona de descanso para o persoal de produción; e unha planta segunda de 2.852,18 metros cadrados útiles destinados a almacenamento e á cociña necesaria para o proceso produtivo.

O cerramento de fachada será principalmente de panel prefabricado de formigón con illamento revestido exteriormente con chapa de aceiro prelacado.

O investimento total nesta obra valórase en 6.250.328,37 euros, dos cales 3.246.120,55 euros se corresponden á obra civil e instalacións e 3.004.207,82 euros a maquinaria e equipamentos auxiliares. A idea da empresa é poder ter finalizada a obra durante o primeiro semestre de 2015, co obxectivo de que a fábrica poida xa comezar a súa actividade o próximo verán.

Arquivado en