O concelleiro de Urbanismo de Pontevedra, o socialista Antón Louro, non será investigado por prevaricación como pedía unha das empresas que promove o tanatorio de Arcebispo Malvar. O Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra decidiu non admitir a querela contra o tenente de alcalde presentada por Pombas Fúnebres.
Un auto xudicial publicado este xoves polos xornais Faro de Vigo e La Voz de Galicia ordena arquivar a querela, se ben aínda non é firme, Pombas Fúnebres ten opción de recorrer. O xuíz ve "lexítima e legal" a actuación de Louro e considera que non responde a "pretensións persoais" do socialista. Así as cousas, non ve delito nos feitos que denuncia a funeraria.
O auto deuse a coñecer xusto o día en que a Comisión de Urbanismo do Concello de Pontevedra revisará as normas propostas polo Grupo de Goberno para a regulación urbanística de construción de crematorios no municipio. Estas normas implican unha modificación puntual do PXOM que se aprobará no próximo pleno municipal, previsto para o 28 de outubro.
O xuíz sostén que a suspensión preventiva de licenzas de crematorios "é un feito completamente lexítimo e legal e mesmo de pura lóxica"
A querela que o xulgado tombou a Pombas Fúnebres formulouse contra o acordo municipal de suspender a concesión de licenzas de crematorios por un período dun ano. Adoptouse o 22 de novembro de 2012, ratificouse no Pleno da Corporación o 27 de novembro e entrou en vigor o 21 de decembro.
"Non cabe apreciar sequera a posibilidade de que a súa presentación determine a comisión dun delito de prevaricación", sinala o auto. E engade que a suspensión preventiva de licenzas "é un feito completamente lexítimo e legal e mesmo de pura lóxica para adaptar as normas urbanísticas aos cambios da realidade e ás decisións políticas sobre esta materia".
O auto insiste na "legalidade manifesta" da decisión municipal e cuestiona a empresa funeraria pola forma en que formulou a querela. "O primeiro que sorprende é que a querela sexa dirixida contra unha persoa (Antón Louro) pois resulta que o acto foi aprobado polo órgano colexiado (o pleno) e por lóxica, a querela debería dirixirse contra a totalidade das persoas que votaron a favor deste acordo".
O auto: "Por lóxica, a querela debería dirixirse contra a totalidade das persoas que votaron a favor deste acordo"
En defensa da "legalidade" da suspensión preventiva de licenzas, o auto indica que "é ben difícil que un acordo formal como este poida resultar arbitrario pois se limita a iniciar un expediente e non concreta aínda o contido" da modificación do PGOU que se fará para regular os crematorios, e que irá a Pleno este mes.
Outro órgano xudicial, o Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Pontevedra, xa tombara outra denuncia de Pombas Fúnebres contra a mesma decisión municipal de paralizar a concesión de licenzas para a construción de crematorios. Alianza e Barros e Pompas Fúnebres Pontevedra recorreron o acordo plenario, pero o xuíz deu a razón ao Concello e ratificou a suspensión de licenzas de crematorios durante un ano.
Naquel recurso xudicial as dúas funerarias solicitaban ao xulgado a suspensión preventiva da medida adoptada polo Concello, pero a sentenza do Contencioso Administrativo número 2 botoulles abaixo a demanda argumentando que, neste caso, os intereses xerais prevalecen claramente fronte aos intereses particulares ou de terceiros.