O Xulgado dá a razón ao Concello e nega licenza ao crematorio do tanatorio de San Amaro

Pontevedra
19 de novembro 2014

O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, amosou a súa satisfacción por esta nova resolución que volve dar a razón ao Concello en diferentes iniciativas xudiciais emprendidas por empresas funerarias

Os veciños fotografaron a chegada do forno crematorio ao tanatorio de San Mauro
Os veciños fotografaron a chegada do forno crematorio ao tanatorio de San Mauro / Asociación veciñal Pedra do lagarto

O Xulgado do Contencioso Administrativo número 3 de Pontevedra desestimou o recurso interposto pola sociedade Tanatorio San Mauro S.L., que pretendía obrigar ao Concello de Pontevedra a continuar coa tramitación da solicitude de licenza urbanística para instalar un forno crematorio no soto do tanatorio situado no barrio da Parda, fronte a porta do cemiterio municipal de San Amaro.

A empresa defendía que a licenza estaba concedida por silencio administrativo, unha vez que presentou a solicitude en 2008 e o Concello, supostamente, non lle respondeu ata 2010. A demanda foi ampliada posteriormente, instando tamén á continuación do expediente a partir dunha nova solicitude formulada pola empresa xa no ano 2013.

A sentenza desestima completamente o recurso e declara conforme a dereito todas as actuacións municipais.

A xuíza entende, ao respecto da solicitude de 2008, que non existiu tal silencio administrativo, pois os técnicos municipais requiriron documentación "en máis dunha ocasión" para que se resolveran unha serie de deficiencias na solicitude presentada, que non foron atendidas polo peticionario ata 2010. Polo tanto, entende que a paralización non se debeu á Administración local, senón "unica e exclusivamente" ao solicitante.

Con respecto á solicitude de continuación do expediente formulada en 2013, a xuíza lembra que o 22 de novembro de 2012, o Concello acordou a suspensión de licenzas para crematorios por un período dun ano, ao obxecto de modificar o Plan Xeral e regular o tipo de solo onde poden instalarse os fornos crematorios.

Afirma que este acordo é un "obstáculo insalvable" á hora de estimar as pretensións da empresa e recorda que este trámite "non foi impugnado pola recorrente". E, a continuación, conclúe que a actuación municipal no referido a esta suspensión é tamén conforme a dereito.

Esta sentenza, en todo caso, non é firme e contra ela a empresa poderá presentar un recurso de apelación diante da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, amosou a súa satisfacción por esta nova resolución que volve dar a razón ao Concello en diferentes iniciativas xudiciais emprendidas por empresas funerarias. Xa anteriormente, os xulgados rexeitaron a paralización da suspensión cautelar, e mesmo rexeitaron unha querela contra o propio concelleiro de Urbanismo.