O xulgado dá a razón ao Concello e mantén a suspensión de licenzas para crematorios durante un ano

Pontevedra
17 de abril 2013

Antón Louro anunciou que xa están a traballar na modificación puntal do PXOM de tal forma que "en ningún caso se consentirá este tipo de instalacións en solo urbano, urbanizable ou núcleos rurais". Están pendentes de conversas coas funerarias

O Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Pontevedra deu a razón ao Concello e ratifica a suspensión de licenzas de crematorios por un período dun ano que entrou en vigor o 21 de decembro de 2012.

A decisión do Concello acordada no Pleno da Corporación do 27 de novembro foi recorrida por dúas das catro empresas funerarias que o pasado outono decidiron promover instalacións desta categoría. As demandantes solicitaban ao xulgado a suspensión preventiva da medida adoptada polo Concello. Con esta sentenza, bótaselle abaixo a demanda e agora tan só poden interpoñer recurso de apelación contra o auto no mesmo xulgado.

Alianza e Barros e Pompas Fúnebres Pontevedra argumentaron que a suspensión de licenzas durante un ano "lles está a xerar danos de enorme relevancia, como son os gastos asumidos, tanto de adquisición de soar, como de tramitación de licenzas, así como a imposibilidade de prestar aos seus clientes e asegurados os servizos de crematorio concertados nos contratos subscritos, ocasionando un dano de reputación significativo".

O xulgado non ten en consideración esta argumentación, senón que cre que ten máis forza a motivación que deu o Concello para suspender as licenzas. Ao respecto, a sentenza que chegou este mércores ao Goberno local recolle que "a análise da medida preventiva cuestionada non pode tomarse en consideración de forma illada e individualizada, senón tendo en conta que a suspensión preventiva polo prazo dun ano do procedemento de outorgamento das licenzas de edificación descritas no acordo impugnado é motivado porque ao mesmo tempo de tal suspensión se acordou a incoación de procedemento para a modificacion do vixente PGOU do Concelllo de Pontevedra (...) para regular concretamente o uso de crematorio en ámbitos residenciais".

Ademais, a sentenza destaca que a adopción da medida preventiva que piden as funerarias, "podería dar lugar á existencia de edificacións consumadas que nun futuro fosen incompatibles co PGOU modificado en tal extremo e estonces se estarían creado situacións xurídicas irreversibles, ou de difícil cumprimento, en canto que implicaría a demolición do xa construído".

Nos seus argumentos para desestimar o recurso interposto polas funerarias, a xuíza destaca que neste caso os intereses xerais prevalecen claramente fronte aos intereses particulares ou de terceiros. Finalmente, a resolución volve deixar clara a corrección do procedemento municipal e entende que respecta plenamente o principio de bo dereito ao non existir disposicións ou actos administrativos anteriores anulados e que afecten ao acordo impugnado.

O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, analizou este mércores a resolución xudicial e valorou que "é absolutamente concluínte e coincidinte coa postura desta Concellería e do Concello de Pontevedra", e que, se é o caso, "produce unha gran satisfacción poder constatar unha vez máis que facemos as cousas ben". Ademais, anunciou que xa están a traballar na modificación puntal do PXOM de tal forma que "en ningún caso se consentirá este tipo de instalacións en solo urbano, urbanizable ou núcleos rurais".

Esta modificación está pendente de conversas que manterán coas funerarias e prevén levalas á Comisión de Urbanismo nas próximas semanas, para despois propoñer a súa aprobación no Pleno da Corporación e a súa posterior tramitación ante a Xunta de Galicia.