A Placemaking Week Europe está a ser unha experiencia revolucionaria esta semana en Pontevedra. Preto de 400 persoas chegadas desde distintos puntos do planeta, de todos os continentes, debaten, reflexionan e aprenden sobre o futuro e o presente das cidades.
O programa oficial combina exposicións divulgativas e teóricas con experiencias e actividades prácticas a pé de rúa, visitas a edificios emblemáticos ou mesmo gravacións de falangullos na Casa das Campás. Un exemplo claro de como os diferentes actores e institucións da cidade están implicadas coa Placemaking Week Europe, e como esta logra levar as súas accións a cada recuncho da vila, nunha especie de exploración e experimentación urbana constante.
Na mañá deste xoves, dentro dos tres paneis expositivos realizados, dous no Principal e un na praza do Teucro, aberto ao público, hai que destacar o de "Recrear o espazo público. A arquitectura e a creatividade como estratexia", panel que contou co xornalista de PontevedraViva, Álex Espiño, como moderador, e coas intervencións do edil de Urbanismo e Patrimonio histórico, Xaquín Moreda; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; a técnica de Turismo de Carballo, Maite Parga; e a muralista da cooperativa Cestola na Cachola, Xoana Almar.
Foi unha mesa na que un dos eixos centrais foi a aplicación da arte e a pintura na contorna urbana co obxectivo de mellorar a estética, xerar un orgullo local e desfacer políticas urbanísticas pasadas que levaron ao chamado ‘feísmo’. Nese sentido, o Concello de Carballo figura como un dos exemplos máis paradigmáticos, ao contar con máis de 100 destas intervencións, un proxecto que tivo como base unha decisión política e que acabou por dinamizar e transformar a imaxe que hoxe Carballo proxecta ao exterior.
Doutra banda, Xaquín Moreda puido explicar o proxecto do departamento municipal de Urbanismo de ‘Diagnose de mellora da paisaxe urbana’, mediante o que se identificaron os elementos que distorsionan a paisaxe da cidade. Un plan que, segundo Moreda, «servirá de punto de partida para planificar unha intervención uniforme sobre estes elementos». Neste sentido, indicou que xa se están a realizar algunhas intervencións en muros de contención a través das concellarías de Cultura e a de Xuventude. Tamén lembrou a intervención realizada nunha medianeira a carón do estadio de Pasarón, na que o muralista Yoseba Muruzábal inmortalizou á ‘Señora Lola’.
A día de hoxe, e segundo os datos aportados durante a súa exposición, Pontevedra contaría con catro tipos de elementos que distorsionan a pasaixe: os valos publicitarios (45), os terreos ou solares non aproveitables para uso urbanístico (79), os muros de contención (22) e as chamadas medianeiras (778).
Alén desta mesa, a mañá tamén foi testemuña de participacións internacionais como as de Jan Kattein, Donica Buisman e Jorn Wemmenhov no panel "Deseñando a vida en común: edificios, regras e sistemas"; ou de David Partridge, Ewa Sheifes e Gregorio Scarpella coa exposición "Desenvolvemento urbano a conciencia".
Cómpre sinalar que Galicia volveu estar representada dun xeito claro, neste caso A Coruña, co panel "A Coruña 19-23: cambio de paradigma", e que contou coas intervencións de Francisco Dinís Díaz Gallego, concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade en A Coruña; e Antonio F. Alfeirán Rodríguez, superintendente da Policía Local e membro do comisionado para a Mobilidade na mesma cidade.
O último día da Placemaking Week Europe terá un compoñente de enorme interese para Pontevedra xa que na súa programación aparecen mesas e actividades directamente relacionadas coa cidade como "Revivir o porto pesqueiro (Peirao das Corvaceiras)", "Descarbonización e economía biocircular", "Desmontar a fábrica de papel? Un futuro verde para a ría", "O papel da arquitectura contemporánea galega nos espazos públicos" ou "O impacto do emprendemento creativo nas cidades".