O TSXG tamén nega a licenza ao crematorio previsto no tanatorio de San Amaro

Pontevedra
04 de abril 2016

Unha nova sentenza xudicial frustra os plans do Tanatorio San Mauro para abrir un crematorio nas súas instalacións. Tras a negativa municipal e un fallo contrario en primeira instancia é agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) o que se nega a atender os requirimentos da empresa

Os veciños fotografaron a chegada do forno crematorio ao tanatorio de San Mauro
Os veciños fotografaron a chegada do forno crematorio ao tanatorio de San Mauro / Asociación veciñal Pedra do lagarto

Unha nova sentenza xudicial frustra os plans do Tanatorio San Mauro para abrir un crematorio nas súas instalacións. Tras a negativa municipal e un fallo contrario en primeira instancia é agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) o que se nega a atender os requirimentos da empresa.

O TSXG desestimou o recurso de apelación presentado polo tanatorio á sentenza do xulgado contencioso-administrativo número 3 de Pontevedra.

Nela, o tribunal deu a razón ao goberno municipal que, por silencio administrativo, denegou a concesión de licenza de obras de reforma en San Amaro para a instalación dun forno crematorio no soto das instalacións e para habilitar un aparcadoiro nunha parcela anexa.

A empresa tamén solicitaba que se continuase coa tramitación das licenzas ata a súa total resolución, pero ambas as pretensións chocaban coa aprobación por parte do pleno da corporación municipal da suspensión de licenzas para crematorios no municipio.

Ademais, a sentenza apuntaba á ausencia das imprescindibles autorizacións sectoriais de medio ambiente e sanidade.

Agora o TSXG confirma esta primeira sentenza e, por tanto, avala a actuación do Concello neste asunto.