O TSXG confirma a condena de 18 anos e medio de cárcere a Marcos Vidal polo crime de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
11 de xuño 2020

A Sala do Civil e Penal do TSXG revisou a semana pasada a causa e rexeitou todos os recursos presentados pola defensa e as acusacións. Conclúe que o ataque á vítima cunha navalla "foi sorpresivo e inesperado, sen que tivese oportunidade de defenderse"  

Marcos Vidal, autor confeso do crime de Ponte Caldelas, ao remate da cuarta sesión do xuízo
Marcos Vidal, autor confeso do crime de Ponte Caldelas, ao remate da cuarta sesión do xuízo / Cristina Saiz

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decidiu confirmar a sentenza que condena a Marcos Vidal a 18 anos e medio de cárcere por asasinar en novembro de 2015 ao marido dunha muller coa que mantivo unha relación intermitente, no que se coñeceu como crime de Ponte Caldelas. 

Sala do Civil e Penal do TSXG revisou a semana pasada a causa por mor dos recursos presentados polas partes á sentenza ditada pola sección cuarta da Audiencia de Pontevedra e finalmente decidiu desestimar todas as alegacións. 

A Audiencia Provincial, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, condenou a Marcos Vidal a 18 anos e medio de cárcere e a oito anos de liberdade vixiada como autor dun delito de asasinato con aleivosía e  asañamento, pero a defensa do acusado pedía que non se tivese en conta esa circunstancia de aleivosía porque sostiña que o falecido, Manuel Rivas, puido defenderse. Baseándose nese argumento, pedía unha redución da condena a 15 anos de prisión. 

O TSXG rexeita ese recurso e na súa resolución destaca que o Tribunal do Xurado baseou a existencia de aleivosía sorpresiva en que o ataque á vítima cunha navalla "foi sorpresivo e inesperado, sen que tivese oportunidade de defenderse", así como en que o condenado era "consciente de que o feito de portar unha navalla proporcionáballe superioridade e aproveitouna".

O fallo do alto tribunal galego sostén que o relato dos feitos que considerou probado o xurado é "claro en canto a que a vítima non puido defenderse ante un ataque sorpresivo e inesperado". 

A defensa de Marcos Vidal sostiña que o falecido presentaba algunhas lesións defensivas e utilizábao como argumento para soster que si que puido defenderse. Con todo, o TSXG cre que son lesións derivadas "dunha reacción automática, non consciente, comprensible de calquera persoa que se atope nunha situación semellante", o que non implica que tivese posibilidade de defenderse.

Aínda que a defensa sostén que entre os implicados houbo un forcexeo, esa circunstancia non foi acreditada polo xurado. Aínda así, o Superior recalca que a existencia dun previo enfrontamento entre as partes non excluiría "o sorpresivo do ataque e a natureza alevosa da acción, dado que non era esperado en modo ningún pola vítima, pois o agresor asestoulle nun dormitorio diversas puñaladas en zonas vitais do corpo cunha navalla". 

O TSXG tamén rexeitou o recurso da Fiscalía, que pedía que non se tivese en conta a atenuante de dilacións indebidas e se aumentase a condena ao acusado ata os 20 anos e un día. A esta petición sumouse a acusación particular, que exerce a familia do falecido.

Marcos Vidal asistiu á vista por videoconferencia desde a prisión de Teixeiro -non acudiu en persoas por prevención en plena pandemia do coronavirus- e quixo intervir ao final da sesión. Nunhas breves palabras insistiu en que "o ataque foi de pé", o condenado e o falecido estaban uno fronte ao outro.

Vidal tamén quixo aproveitar estas palabras para lembrar que segue sendo un preso preventivo case 5 anos despois do crime, o que implica que non ten acceso a determinadas características da vida penal como o acceso a traballo, formación ou deportes, co cal "lle xera prexuízos". Pediu "que isto termine xa" e poida seguir coa súa vida en prisión.