A sección segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) resolveu nun auto que non se debe retirar ningún recheo do porto de Marín como consecuencia da anulación do Plan Especial do ano 2000, tal e como reclamaba a Plataforma Defensora da Praza dos Praceres.
"O motivo da anulación do Plan Especial foi a falta de sometemento á avaliación ambiental, non a inadecuación para lexitimar actuacións de ampliación do espazo portuario", indica o tribunal.
Os maxistrados, ademais, destacan na resolución as conclusións do informe realizado por un enxeñeiro de camiños, canles e portos designado polo TSXG.
O perito conclúe no documento que ningunha das sete actuacións levadas a cabo no porto de Marín "se ampara de forma exclusiva" no Plan Especial anulado, senón que "se definiron nos seus respectivos proxectos ou proxectos modificados".
O técnico tamén sinala que a tramitación ambiental de cada unha das actuacións se realizou "de acordo coa normativa vixente no momento da súa execución".
O TSXG, polo tanto, declarou "completamente executada a sentenza" emitida polo Tribunal Supremo en 2009.
Contra o auto cabe presentar recurso de casación.
VALORACIÓN DA ALCALDESA DE MARÍN
A alcaldesa de Marín, María Ramallo destacou que a sentenza do TSXG "vén corroborar as teses do Porto, das administracións implicadas Concello, Xunta, Deputacion e das empresas".
Segundo a rexedora marinense o fallo xudicial "carga de razón o mantido desde o ano 2009 e dá estabilidade e seguridade xurídica aos trámites administrativos que se substancian e ás empresas que se sitúan neles".
Para o concello de Marín o Porto é "o centro loxístico e empresarial máis importante" e esta sentenza "disipa dúbidas, dá tranquilidade, alenta investimentos e sitúanos nunha situación impecable para competir polos nosos investimentos, xerando emprego e riqueza".
Finalmente, María Ramallo insistiu en que "a estabilidade e a seguridade xurídica garántense para desexarlle ao Porto o mellor futuro que ten por diante".