O Tribunal Supremo quítalle ao Concello a "ferramenta" principal para evitar crematorios preto das casas

Pontevedra
22 de xullo 2019

A portavoz do goberno local entende que a modificación puntual do PXOM anulada polo Tribunal Supremo era unha ferramenta alternativa para o Concello que evitaba o emprego da suspensión de licenzas para a construción de crematorios preto de núcleos de vivendas

Anabel Gulías, voceira do goberno local
Anabel Gulías, voceira do goberno local / Cristina Saiz

O Tribunal Supremo rexeitou o recurso de casación presentado polo Concello de Pontevedra pola sentenza contra a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Esta decisión do goberno local pretendía reducir de 500 a 50 metros a distancia que as empresas promotoras terían que gardar entre as instalacións crematorias e as vivendas do municipio.

Anabel Gulías, a voceira do goberno local, manifestaba que "non tiñan moita fe" en que o Supremo atendese a súa petición. Desta forma, a sentenza convértese en firme e anula a modificación puntual eliminando a "ferramenta" que o grupo de goberno prevía para evitar que os crematorios foran edificados preto de zonas habitadas.

Segundo explicaba a concellería, o recurso que lle queda agora ao Concello ante unha situación conflitiva é o de suspender licenzas para estas instalacións, como xa sucedeu cando se estudaba unha iniciativa destas características na rúa Arcebispo Malvar, nas proximidades ao casco histórico. 

Gulías, tamén concelleira de Urbanismo, indicou que neste momento ningunha empresa amosou interese por desenvolver algunha nova iniciativa de poñer en marcha un proxecto de incineradora.