O Concello de Pontevedra presentou, a principios deste mes de xaneiro, un recurso ante o Tribunal Supremo contra a sentenza que anulou todas as medidas adoptadas polo goberno municipal para impedir a instalación de crematorios no ámbito urbano do municipio.
A concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías, confirmou este novo paso que, en materia xudicial, dá o Concello para defender a súa posición, ao entender que a decisión adoptada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deixa aos veciños de Pontevedra como os "grandes prexudicados".
Isto é así, segundo a edil do BNG, porque deixa ao Concello "sen ferramentas" para frear a instalación de crematorios na cidade, ao quedar anuladas a suspensión de licencias para este tipo de equipamentos e a modificación puntual feita no plan urbanístico en vigor.
O recurso de casación fai referencia a que a modificación do plan xeral non incluía o informe medioambiental que reclamaba a sentenza do TSXG porque a administración autonómica, facendo uso da Lei do Solo vixente no momento, indicou que non era preciso facer este trámite para a instalación deste tipo de proxectos.
En todo caso, o Concello agarda que o Supremo estime, cando menos, parcialmente o recurso municipal de tal modo que continúe a prohibición de construción de crematorios en núcleos urbanos e no centro histórico, deixando vixente a modificación do plan nese punto.
Anabel Gulías indicou que o Concello é consciente das dificultades de que prospere este recurso polas condicións do tipo de casacións que admite o Alto Tribunal, pero asegura ser "optimista" tendo en conta que xa pasou o filtro do TSXG que considera que está ben fundamentado e o trasladou a Madrid.
No caso de que veña denegado o recurso, o Concello traballará para "impedir por todos os medios" que esta ausencia legal permita a instalación de crematorios na cidade, facendo uso de todos os recursos "que temos nas nosas mans".
Na actualidade, os servizos urbanísticos consideran que están "parados" os expedientes dos anunciados crematorios de Montecelo e da avenida de Montecelo. O de San Amaro, pola súa banda, renunciou ao crematorio e segue adiante coa ampliación do tanatorio.
O que impulsa Funespaña en terreos anexos ao cemiterio "sigue vivo" e, polo que consta no Concello, está pendente do informe ambiental da Xunta de Galicia; mentres que o tanatorio de Arcebispo Malvar agarda a autorización de Patrimonio pero leva un ritmo de tramitación máis lento.