O Supremo é incapaz de distinguir os recheos ilegais do Porto de Marín

Pontevedra
13 de febreiro 2017

A Sala do contencioso-administrativo Sección Quinta do Tribunal Supremo admitiu o recurso de casación interposto pola Autoridade Portuaria de Marín, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, contra a execución da sentenza do 30 de outubro de 2009 que declara ilegais os recheos portuarios

Porto de Marín
Porto de Marín / Diego Torrado

A Sala do contencioso-administrativo Sección Quinta do Tribunal Supremo admitiu o recurso de casación interposto pola Autoridade Portuaria de Marín, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, contra a execución da sentenza do 30 de outubro de 2009 que declara ilegais os recheos portuarios.

O recurso fora presentado contra dúas resolucións ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) en 2014 e en 2015, nas que instaba a execución da sentenza do Supremo de 2009.

O TSXG fixo público este luns o fallo que o Supremo ditou o pasado 2 de febreiro no que se anulan as resolucións anteriores asumindo as teses do Porto de Marín para deixar sen efecto a sentenza de demolición. A autoridade portuaria argumentara que non se trataba dun recheo, senón de sete distintos, que non están afectados polo mesmo plan.

Agora os maxistrados do Supremo admiten que son "ilegais as obras de recheo do mar en canto realizadas ao amparo do Plan Especial aquí impugnado" pero sinalan que "non concretamos -ou non puidemos concretar- o ámbito material de execución da nosa sentenza".

É dicir, que "existiron uns recheos anteriores ao Plan Especial que contaban con avaliación ambiental, que quedan fóra do ámbito da sentenza", aínda que no fallo "non se identifican nin se distinguen dos realizados ao amparo deste plan".