O Supremo apraza a votación que marcará o futuro de Ence en Lourizán

Pontevedra
12 de setembro 2022

O Tribunal Supremo había fixado o 4 de outubro para a votación e fallo sobre un dos recursos presentados á sentenza que anula a prórroga da empresa na Ría de Pontevedra, pero hai pendente un segundo recurso, aínda en tramitación. Aprazan a sinalización para poder abordar os dous recursos en conxunto

Instalacións de Ence en Lourizán
Instalacións de Ence en Lourizán / Mónica Patxot

O proceso xudicial que se mantén aberto no Tribunal Supremo para determinar a validez ou nulidade da prórroga que autoriza a permanencia de Ence na Ría de Pontevedra tiña o próximo 4 de outubro unha cita importante. O tribunal fixara ese día para a votación e fallo sobre un dos recursos presentados, pero finalmente, esa sinalización aprazouse e aínda non hai nova data para abordar a situación. 

A cita do 4 de outubro estaba prevista para revisar o recurso presentado pola propia empresa, os seus comités de empresa, a Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra e dúas asociacións afíns contra a primeira das sentenzas da Audiencia Nacional que anulou a prórroga da concesión e que, por tanto implica a saída de Ence da súa sede de Lourizán. Esa sentenza foi a que deu a asociación ecoloxista Greenpeace.

Con todo, hai pendente un segundo recurso, contra a segunda sentenza da Audiencia Nacional ditada en similares termos e que daba a razón ao Concello de Pontevedra. Ese segundo recurso é o motivo polo que a sinalización do 4 de outubro queda aprazado. 

A Sala Terceira do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo ditou o pasado martes 6 de setembro unha providencia pola que acorda o aprazamento indicando que aínda está en tramitación o outro recurso, "de contido semellante" e consideran que debería sinalarse para un único día a votación e fallo dos dous recursos. 

En canto finalice a tramitación do segundo recurso, procederase á nova sinalización. 

Ambas as sentenzas da Audiencia Nacional estimaron as demandas contra a prórroga á concesión de Ence arpobada polo Goberno en funcións de Mariano Rajoy o 20 de xaneiro de 2016 e anúlana. 

Arquivado en