O Lérez Up, o salón do videoxogo e da cultura friqui, quenta motores para a súa vindeira edición que terá lugar o 28 e 29 de setembro no Recinto Feiral de Pontevedra.
Esta cita consolidada como punto de encontro entorno aos videoxogos, o cosplay, os xogos de cartas, os torneos, a ilustración, a cultura xaponesa e o lecer alternativo, está organizada pola asociación Gaming Troop e conta coa colaboración do Concello de Pontevedra.
Esta edición estará "chea de novidades" segundo o avance feito polos organizadores este venres nunha rolda de prensa na que tamén participou a concelleira de Promoción económica, Anabel Gulías quen destacou que "o Lérez Up un espazo que amosou un impresionante crecemento ao longo dos últimos anos, e que xa está consolidado tanto na cidade como na Galiza como un referente".
Este ano, Lérez Up mantén as súas zonas máis populares. Entre elas, a Zona de Consolas, onde haberá xogo libre e torneos como Mario Kart 8, Street Fighter 6, EA Sports FC24 e Switch Sports. A coñecida Zona de PCs incluirá torneos de League of Legends e Valorant. Como gran novidade, tamén acollerá o Torneo clasificatorio nacional de Valorant Consolas, unha competición inédita cun premio de 250 euros que converte a Lérez Up en parada oficial da Console Cup, a primeira competición nacional deste xogo en consola. Para este torneo, os xogadores poderán inscribirse ata 30 minutos antes de que comece o xogo o sábado ás 12 horas.
Entre as novidades máis esperadas, este ano preséntanse dúas áreas temáticas completamente novas: unha dedicada á saga de Star Wars, onde os asistentes poderán participar en duelos e crear o seu propio sable de luz; e outra área enfocada na cultura K-Pop, con actividades que inclúen o esperado Concurso de Dance Cover, unha oportunidade única para os amantes do xénero.
Ademais, volve a Zona de Stands, con máis de 60 postos de artistas e comerciais, así como a Zona de descanso, equipada cunha variada oferta de postos de comida para todos os gustos.
Ampliaranse tamén as zonas xa tradicionais: a Zona de xogos de mesa, que este ano incluirá torneos de Warhammer; a Zona Card Games, que substituirá a anterior zona de Magic e agora inclúe xogos como Pokémon e Lorcana; e a Zona Fighting Games, que este ano non só acollerá o nacional de Smash Bros, senón que tamén integrará o torneo de Tekken 8, cun premio de 300 euros patrocinado por Lareira Digital e Bandai Namco.
A zona dedicada aos xogos indies será o lugar onde os asistentes poderán descubrir as creacións de desenvolvedores independentes galegos. Co Pasaporte Indie na man, os xogadores poderán probar cada xogo, votar polo seu favorito e participar nun sorteo sorpresa.
A programación de Lérez Up inclúe charlas como “A viaxe de ser ilustradora editorial”, a cargo de Raisa, ou “Ser autónoma e ilustradora: Guía práctica” por Alba Santa. Os fanáticos do cosplay poderán aprender de expertos en “Guía para o teu primeiro concurso de cosplay” e “Siluetas e tecidos para cosplay”, impartidas polo xurado de cosplay formado por Kaisiwiwi, MeryNyan e Akurin.
Ademais, obradoiros prácticos como Retrato a bolígrafo (Belén Diz), Caligrafía xaponesa (Escola de Idiomas de Vigo), Deseño de personaxes (Limbo Illustration), Crea os teus propios accesorios de origami (Alan Pettinari) e un contacontos do lobishome con creación de monicrecre, específico para nenos (Dornavela Edicións), estarán dispoñibles con inscrición no mesmo evento.
Tamén haberá unha mesa redonda, onde profesionais do sector debaterán sobre os desafíos actuais e futuros da industria dos videoxogos. Sabela Alonso, redactora en Terebi Magazine; Víctor Fernández, Game Designer en Tequila Works; Olalla Ferrando, investigadora na Universidade de Vigo; Beatriz Legerén, doutora en Comunicación Audiovisual e coordinadora do grupo “Videoxogos: Comunicación e Persuasión”; e Silvia Izquierdo, cofundadora de Aruma Studios, compartirán os seus coñecementos e falarán sobre o papel da intelixencia artificial e o rol da muller na industria dos videoxogos