"O río e o verde como factores clave de deseño urbano" será un dos temas a tratar no Placemaking Week Europe 2022

Pontevedra
18 de maio 2022

Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica, insiste na importancia que Pontevedra e Galicia terán dentro da cita, con proxectos de seu, participación de expertos locais e realización de obradoiros creativos

Evento Placemaking Week Europe 2022 - Pontevedra
Evento Placemaking Week Europe 2022 - Pontevedra / Placemaking Europe

A cidade de Pontevedra será, a finais de setembro, a sede da Placemaking Week 2022, unha cita importante pola capacidade de atracción internacional que ten este evento no que se concentran cuestións como o urbanismo, o deseño, a divulgación e o pensamento, contando con expertos mundiais de gran nivel.

O comité organizativo mantén reunións semanais para definir o programa deste evento.

Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica, indica que as áreas temáticas para a edición deste ano serán a innovación e a economía creativa; o río e o verde como factores craves no deseño urbano; a burocracia creativa; e o desenvolvemento a escala humana para espazos públicos prósperos e resilientes.

Estas áreas temáticas contarán con eixos máis locais, segundo indica a concelleira do goberno pontevedrés. As intervencións estarán divididas entre as clases maxistrais pensadas para unha asistencia pública masiva e aqueles relatorios de persoas investigadoras e relevantes no ámbito galego.

Gulías destaca que o obxectivo se centra en que se trata dunha cita galega con persoas que desde Galicia achegaron propostas ao deseño urbano e ao deseño dos espazos públicos. "Cristalizará  nun programa que  cremos  do  máis completo  xa  non  só  do Estado,  senón de toda Europa", afirma a edil.

Tamén se poñerán en marcha talleres pensados para pequenos proxectos que servirán de modelo.

Esta semana enviaranse diferentes cartas a deputacións e municipios galegos por se teñen interese en presentar algún traballo ou en establecer algunha colaboración. Ata o momento, o Concello de Lugo está a traballar de maneira coordinada con Pontevedra nesta mesma liña.

Nas próximas semanas, segundo anunciou a concelleira, expoñeranse as empresas que patrocinan este evento no que traballarán patrocinadores europeos e tamén do ámbito local.

Arquivado en