"O que nos debería preocupar moito como sociedade é como se relaciona a xente nova hoxe, como entenden as relacións de parella"

Pontevedra
25 de novembro 2020

Manuela Vilaboy Romero, xefa da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, analiza, con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a situación actual, a influencia da pandemia e o camiño que queda por diante, coa educación como piar  

Manuela Vilaboy Romero, xefa da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra
Manuela Vilaboy Romero, xefa da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra / Mónica Patxot

Manuela Vilaboy Romero é, desde hai ano e medio, xefa da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra. Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, analiza nesta entrevista a situación actual da violencia machista, a influencia da pandemia e o camiño que queda por diante, coa educación como piar para lograr unha sociedade na que non sexan necesarios máis 25 de novembro. 

Ano 2020 e segue habendo moitos motivos para conmemorar o 25 de novembro. Non avanzamos nada? 
Eu creo que si que se avanzou e que se avanzou moito. O feito xa de que haxa lexislación que sirva para protexer ás vítimas, xa é un avance. O feito de que teñamos un Pacto de Estado contra a Violencia de xénero, a pesar de que falten por desenvolver medidas, é moi importante porque é unha base para continuar o traballo. Que todo é mellorable? Si, pero eu non estou de acordo en que non se avanzou.

Na túa opinión, que máis poden facer as administracións para loitar contra esta secuela?
Poñer en funcionamento ao 100% o Pacto de Estado creo que axudaría moito porque son máis de 200 medidas nas distintas áreas, en educación, en medios de comunicación, na xudicatura… e iso servía para mellorar moito a situación.

E a poboación?
Para min, a educación é fundamental. A educación na casa e na escola é o piar. A sociedade, a través da educación, pode facer moito. A educación en valores, a intelixencia emocional, o autocontrol… creo que hai moitas áreas que se poden traballar nas propias casas, nos centros, mesmo na educación non regrada a través de distintas actividades. A sociedade tamén ten moito que facer en canto á prostitución e a pornografía. A nosa infancia está a acceder con facilidade a contidos de tipo pornográfico e parécelles que é o normal nunha relación de parella. Aí as familias e a sociedade en xeral si que poden facer.

Que se pode facer desde os medios de comunicación?
Ser moi responsable coa información que se dá, cos datos que se dan, como se nomean as cousas. Creo que tedes un papel importante porque moita xente se cadra non le unha lexislación, pero o xornal, si. Entón, o como se dá a información é fundamental, como se tratan os casos. Igual que se falamos da xudicatura, da educación ou dos servizos sociais, melloramos moito, si, pero aínda queda moito por facer e hai que seguir traballando entre todas e todos. 

Todos podemos facer máis, pero realmente hai unha solución? Porque anos e anos de loita desde o feminismo e desde as institucións non evitaron que desde 2003 xa se acumulen 1.073 vítimas mortais.
Non se pode dicir: hai unha solución e é esta. A parte positiva dentro de todo o negativo que ten a violencia de xénero é ver que en todos estes anos levamos avanzado moito máis que en moitos séculos anteriores. Entón, ten solución? A min gustaríame pensar que si, pero, ben, quédanos moito por avanzar. 

 

Notas unha maior concienciación entre as novas xeracións? Ou se deron pasos atrás?
Eu creo que saben máis sobre violencia de xénero que as nosas xeracións. Hoxe a adolescencia e a infancia si ven outras formas de educar, pero tamén é certo que estamos a ver unha involución na adolescencia moi preocupante. Os casos están aí. Na nosa provincia temos 7 menores de idade incluídas no sistema Viogén con seguimento policial e aí o que nos debería preocupar moito como sociedade é, precisamente, a nivel educativo e como se relaciona a xente nova hoxe, como entenden as relacións de parella. Non pode ser que a pornografía sexa o sistema educativo das relacións de parella que teñen os nosos adolescentes porque nin é normal que se maltrate a unha muller fisicamente para ter unha relación sexual nin é normal nela que vexa que os celos do mozo son unha mostra de amor. Hai conceptos equivocados dentro da mocidade que provocan tamén que as relacións poidan ser tóxicas, daniñas, sobre todo, para a vítima. Tamén para os rapaces, que se están educando dunha maneira que eles cren que é a correcta e non o é, pero haillo que dicir e facer ver. 

Hai a xente que non quere ver ensíneslle o que lle ensines, dá igual que lles poñas datos, que os van terxiversar

De que forma lóitase contra ideoloxías  negacionistas que seguen dicindo que non existe a violencia machista?
Eu sempre digo que hai quen ve, hai quen non ve e aprende a ver (persoas maiores que pola educación que recibiron non ven, pero cando lles explicas, dáslles información, campañas e sensibilización, aprenden a ver e din: isto non é normal, estou a ser unha vítima) e logo hai a xente que non quere ver ensíneslle o que lle ensines, dá igual que lles poñas datos, que os van terxiversar. Hoxe en día temos unha Delegación do Goberno cunha páxina web onde podemos consultar os datos actualizados dos casos de violencia e segue habendo xente que o disfraza como violencia doméstica. Se con todos os argumentos que hai hoxe en día e toda a lexislación que temos a nivel nacional, internacional e autonómico, se todo isto non serve, non se que fai falta para que vexan máis aló. 

Facemos esta entrevista coa pandemia omnipresente. Imposible non preguntar de que forma afectou á violencia de xénero.
Na provincia de Pontevedra, vimos que na primeira quincena de estado de alarma, a partir do 15 de marzo, en Viogén baixaron o número de casos de vítimas de violencia. A partir de marzo, volveron aos poucos a ir crecendo ata os niveis que xa estaban antes da pandemia. Non temos moitos máis casos que antes, o que houbo foi moita concienciación cidadá no sentido de que si é certo que como todos estabamos máis en casa, tamén escoitabamos máis e había chamadas de veciños advertindo de que había unha pelexa, discusión, golpes... Desde a Unidade estabamos moi en contacto coas Forzas e Corpos de Seguridade e coas compañeiras dos CIM e, coas que falabamos, todas nos dicían que estaban sorprendidas de non estar a recibir máis chamadas. 

A violencia psicolóxica preocúpame moito porque, ademais, como é moi difícil de demostrar, moitas veces non chega aos xulgados

Como o interpretarías? A violencia machista volveu vivirse en silencio? Ou non influíu o confinamento?
Ten moitas lecturas porque pode ser, baixo o meu punto de vista, que a vítima, ao estar na casa, estea máis controlada e non se atreva a denunciar, ou tamén que o controlador, ao tela en casa, como sabe onde está en cada momento, evítese ese enfrontamento ou violencia. Sen facer un estudo real, o por que non o sabemos. Si hai que ter en conta que, nas parellas que con conviven, como estabamos cada un na nosa casa, o agresor non podía ir quebrantar ña casa da vítima. Aí o que si que houbo foi un incremento das chamadas ao 016, no tema de consultas para separacións. 

A violencia física é só a punta do iceberg, a parte que se ve, pero hai moitas outras violencias sobre as mulleres que no ano 2020 seguen sendo difíciles de detectar. Cal é a que máis che preocupa?
Preocúpanche todos, pero a violencia psicolóxica a min preocúpame moito porque, ademais, como tamén é moi difícil de demostrar, moitas veces non chega aos xulgados. Sófrese moito durante moitos anos e ás veces nin sequera se chega a denunciar porque é moi difícil de demostrar. 

Levas xa ano e medio neste posto e permitirache coñecer en profundidade a realidade da provincia. Neste tempo, como evolucionou?
Desde que estou aquí, máis ou menos hai o mesmo volume de vítimas, estamos a roldar na provincia os 1.090 casos. 

Neste ano e medio, cal foi o momento máis complicado que viviches?
Os casos de asasinatos, en Valga o ano pasado e este ano a nai e a filla en Soutomaior. Para min, esas partes son as máis difíciles porque pensas nas vítimas, nas súas familias, nas súas fillas e fillos. Ademais, no caso de Valga, presenciaron o asasinato da súa nai e da súa tía e a súa avoa. Son momentos difíciles, de tensións. Emocionalmente, vas aprendendo a xestionar as situacións, pero son golpes duros porque estamos a falar de mulleres asasinadas. Estamos a falar de violencia de xénero e logo hai xente que aínda así nega este tipo de violencias. 

A abolición da prostitución estaría moi ben como logro; non na provincia, senón no Estado

Algunha satisfacción terías, ou só frustracións?
Frustracións, ningunha. Tes esa dor cando hai unha vítima mortal. O traballo é o que é, vítimas témolas todos os días. En canto aos momentos máis doces, a min gústame moito o traballo en coordinación, poder asistir ás mesas de coordinación local dos concellos, ás xuntas locais de seguridade. É unha satisfacción enorme agora porque estamos a actualizar os protocolos Viogén nos concellos e ves a implicación que pode haber nos concellos para a protección das vítimas. 

Que logro che gustaría conseguir neste 25 de novembro na provincia?
Son utopías porque que che gustaría? Que o ano que vén non tivésemos que conmemorar este día. É unha pregunta difícil de contestar. A abolición da prostitución estaría moi ben como logro; non na provincia, senón no Estado.