O Pleno da Corporación Municipal de Ponte Caldelas aprobou por unanimidade dos concelleiros presentes o regulamento de explotación do punto limpo ubicado no Parque Empresaria da Reigosa e que ten previsto ser entregado ao Concello antes de que remate o presente ano.
O regulamento contempla un uso gratuíto e exclusiva de todos os veciños de Ponte Caldelas e nel non poderán depositar residuos as empresas.
O modelo de xestión está por determinar en función das conversas que se están a manter coa concesionaria do servizo de recollida de lixo. A intención do equipo de goberno é abrir ao público estas instalacións durante as tardes dos martes e dos xoves así como o sábado todo o día, pero dependería da negociación con Urbaser.
O punto que resultou máis controvertido da orde do día foi o referido á moción presentada polo PPdeG relativa á renovación do céspede artificial do campo de fútbol de Chan da Barcia en virtude da cal instaban ao Concello a esixirlle á Deputación a súa substitución e, en caso negativo, a incluir unha partida nos orzamentos municipais para a súa acometida. Tamén indicaron que había un compromiso verbal por parte do anterior presidente do ente provincial, Rafael Louzán, de acometer esta renovación.
Tanto o alcalde como os voceiros de AVP, Alfonso Gutiérrez, e do BNG, Lito Muíños, recoñeceron a necesidade de abordar ao longo dos catro anos de lexislatura que quedan por diante este tema coa Deputación de Pontevedra toda vez que o campo se achega ao final da súa vida útil, prevista para 10 anos e foi inaugurado en 2006. Neste sentido Andrés Díaz sinalou que o asunto non é “unha prioridade ineludible nestes momentos”.
A moción foi rexeitada cos votos en contra dos sete edís do equipo de goberno frente a cinco votos dos concelleiros presentes do PPdeG.
O Pleno serviu de emotiva despedida para os edís dimisionarios Francisco Reguera, Teresa Martínez, Gonzalo Martínez e Perfecto Rodríguez, ausente por compromisos laborais.