O grupo municipal do PSdeG-PSOE quere que o Concello de Pontevedra elabore unha serie de informes previos á posta en marcha da planta de compostaxe que programan, e para a que xa lle ofreceron terreos na Canicouva. Pide que o proxecto volva ser debatido no Pleno da corporación a través dunha moción na que pide que todos os grupos apoien que se elabore un exhaustivo informe sobre o custo de execución e mantemento da planta e sobre a súa posible repercusión no custo do recibo que pagan os pontevedreses.
A moción presentada polo PSOE tamén quere o Pleno se postule apostando pola compostaxe como fórmula para o tratamento dos residuos orgánicos e insta ao goberno a potenciala mediante a adopción de medidas de sensibilización social. Dentro dunha política respectuosa co medio ambiente, insta ao goberno municipal a renunciar á utilización dos terreos ofrecidos pola comunidade de montes da Canicouva para a construción da planta de tratamento de residuos.
O documento tamén pide que o Concello, en caso de que siga apoiando a construción dunha planta dentro do término municipal, a faga nun polígono industrial ou en terreos previamente cualificados urbanisticamente como industriais.