O Parador de Pontevedra acolleu este xoves un encontro entre o vicepresidente do Grupo Empresarial ENCE, Ignacio Colmenares, e representantes do PSdeG-PSOE. A reunión produciuse a petición do grupo pasteiro.
Asistiron por parte do PSOE, os tres concelleiros do grupo municipal, Agustín 'Tino' Fernández, Paloma Castro e Iván Puentes, a deputada no Parlamento galego, Patricia Vilán e o deputado no Congreso, Guillermo Meijón.
Segundo explicou Tino Fernández, os socialistas acudiron a esta cita porque "calquera partido que aspire a gobernar ten que ter ademais do activismo para opoñerse a Ence, a cintura necesaria para reunirse e escoitar, desde a discrepancia, a aqueles que teñen algo que contar".
Ademais de expoñer a posición xa coñecida do PSOE á situación da fábrica de celulosa de Lourizán, "coñecedores da importancia que ten o ciclo da madeira" os socialistas puxeron sobre a mesa "o debate sobre o traslado da súa actual localización" propoñendo a constitución dunha "mesa de traballo" onde senten todas as administracións coa participación da propia empresa.
Esta idea conta co respaldo da Executiva Federal Socialista. A propia secretaria federal de cambio climático e sustentabilidade do PSOE, Pilar Lucio, ratificou esta mesma semana o apoio do partido a esta iniciativa, do mesmo xeito que fixeron a nivel autonómico e provincial, coa idea de que "alí onde gobernemos faremos todo o posible para o traslado de Ence", segundo asegurou Tino Fernández.
Nas próximas semanas o PSOE impulsará esta mesa de traballo dirixíndose a todas as administracións implicadas "do mesmo xeito que se fixo coa famosa M4" a Mesa polas Infraestruturas de Pontevedra que no ano 2005 reuniu á Deputación Provincial, a Xunta de Galicia e o Goberno Central, ademais do propio Concello nun episodio deu como resultado un avance transcendente na definición da rede viaria da cidade do Lérez.
"A nosa responsabilidade é sacar a Ence da ría e, se é posible, manter os postos de traballo e a actividade económica dentro da comarca de Pontevedra", resumiu Tino Fernández.
O vicepresidente do Grupo Ence e conselleiro delegado, Ignacio Colmenares, trasladou aos seus interlocutores neste encontro do Parador a súa preocupación polo "importante rexeitamento social" que xerou a noticia da próroga da concesión e insistiu nos "esforzos" da fábrica para cumprir con todos os requisitos ambientais e os investimentos previstos para o futuro.
Tino Fernández cre que a empresa trata de buscar "interlocutores" aos que trasladar a súa mensaxe e afirmou que "me gustaría que este mesmo esforzo que estamos a facer nós o fixese o alcalde de Pontevedra, sentándose coa empresa e con todas as administracións para buscar alternativas".
"Eu creo que neste momento é factible que todos nos sentemos e que busquemos posibilidades", indicou o portavoz municipal do PSOE. Para iso é consciente de que haberá que poñer sobre a mesa "beneficios, axudas e terreos" entre outras cuestións.
Ademais durante a reunión os políticos tamén transmitiron á empresa que "se hai un goberno socialista en Madrid e non hai unha vontade diálogo pola empresa para chegar a un acordo de traslado, impulsaremos a revogación da concesión da prórroga", sentenciou Tino Fernández.
Desde a empresa non comunicaron a súa valoración sobre o encontro mantido en Pontevedra.
Ambas as partes despedíronse emprazándose para "futuras reunións" nesa mesa de traballo.