O PSOE, disposto a apoiar a planta de compost nun polígono industrial fóra de Pontevedra

Pontevedra
16 de outubro 2014

Os socialistas estarían dispostos a estudar o seu apoio a unha instalación deste tipo, sempre que a Xunta se implique neste proxecto e se busque a situación máis axeitada dende o punto de vista técnico e ambiental. Neste sentido, apuntan a posibilidade de que sexa un polígono industrial o lugar idóneo para esta planta, citando expresamente as opcións de Barro-Meis ou Fragamoreira

Agustín Fernández, no pleno municipal
Agustín Fernández, no pleno municipal / Mónica Patxot

O Partido Socialista insiste. O municipio de Pontevedra non é o lugar máis axeitado para situar nel a planta de compostaxe que proxectan o Concello e a Deputación. Sobre esa idea xira a moción que presentarán no pleno do próximo luns, coa intención, que se anule o protocolo de colaboración asinado entre ambas as dúas institucións. Queren ademais que este asunto se aborde despois das próximas eleccións municipais.

"ÿ un tema que afectará aos veciños durante varias xeracións e merece unha reflexión sosegada e seria", indicou o concelleiro socialista Agustín Fernández, que reiterou que o PSOE aposta pola reciclaxe e fórmulas de xestión alternativas en materia de residuos, " pero non aceptaremos fórmulas baseadas na insensatez". Entende que esta planta levaría á destrución de seis hectáreas de monte comunal para instalar un "vertedero" de lixo orgánico.

Agustín Fernández desvelou que, ademais da proposta xa desbotada do Riveiro (Campañó), no rexistro do Concello de Pontevedra constan outras tres ofertas de terreos para acoller esta planta de compostaxe, presentadas pola comunidade de montes de Verducido, un particular de Reiriz (Cerponzóns) e unha sociedade inmobiliaria de Silleda.

Esta situación, dixo, está a xerar "oposición" entre os veciños do rural pontevedrés e denunciou que ningunha destas ofertas conta con informes dos técnicos municipais en materia urbanística, ambiental ou económica.

Insiste en que os socialistas estarían dispostos a estudar o seu apoio a unha instalación deste tipo, sempre que a Xunta se implique neste proxecto e se busque a situación máis axeitada dende o punto de vista técnico e ambiental. Neste sentido, apuntou a posibilidade de que sexa un polígono industrial o lugar idóneo para esta planta, citando expresamente as opcións de Barro-Meis ou Fragamoreira.

Arquivado en