O PSOE avoga por "tentar compasar e facer compatible" o fallo do Supremo coa rexeneración da ría

Pontevedra
07 de febreiro 2023

O portavoz do grupo municipal do Partido Socialista en Pontevedra, Iván Puentes, avogou por "tentar compasar e facer compatible o fallo do Supremo coa rexeneración da ría de Pontevedra" unha vez que se coñeceu a decisión da sala do contencioso deste alto tribunal de anular a sentenza da Audiencia Nacional que tombou a prórroga concedida á fábrica de celulosas

Iván Puentes, voceiro do grupo municipal do Partido Socialista
Iván Puentes, voceiro do grupo municipal do Partido Socialista / Cristina Saiz

O portavoz do grupo municipal do Partido Socialista en Pontevedra, Iván Puentes, avogou por "tentar compasar e facer compatible o fallo do Supremo coa rexeneración da ría de Pontevedra" unha vez que se coñeceu a decisión da sala do contencioso deste alto tribunal de anular a sentenza da Audiencia Nacional que tombou a prórroga concedida á fábrica de celulosas.

Iván Puentes sinalou que a postura socialista con respecto a Ence "foi sempre clara" lembrando a aposta do PsdeG por defender a permanencia de Ence en Pontevedra "pero fóra da súa localización actual en Lourizán".

Coñecida a decisión do Tribunal Supremo "e á espera de poder analizar con detalle os matices", o portavoz local do PSOE recalcou "o respecto e o acatamento absoluto deste fallo" porque "é o que procede en democracia".

Dito isto, Iván Puentes engadiu que "o que procede desde o Concello e desde logo desde o Partido Socialista é esixirlle á empresa que invista en Pontevedra o que non investiu nos últimos 60 anos". 

Así, o portavoz local do PSOE reclamou a Ence "a mellora da seguridade da súa fábrica desfasada e investir tamén en Pontevedra nas asociacións do noso concello e na nosa cidade" do mesmo xeito que fan "outras grandes empresas" que "invisten e destinan parte dos seus beneficios en mellorar a calidade de vida dos veciños e as veciñas dos concellos nos que se asenta".

Por último, tamén demanda o PSOE ao Grupo Ence que "garanta e manteña os postos de traballo que ten actualmente en Pontevedra".