O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de Infraestructuras, César Mosquera, defenderon este mediodía o proxecto da Planta de Compostaxe, cuxo protocolo se vai asinar o venres 16 na Deputación co presidente provincial, Rafael Louzán. Na comisión de Infraestruturas, os grupos municipais do PP e do BNG votaron a favor do protocolo mentres que o PSOE abstívose, tras ter amosado as súas dúbidas sobre este proxecto ao que Louro cualificou de "electoralista".
Fernández Lores indicou que dende o seu partido sempre se apostou pola compostaxe e sinalou que agora se dan as circunstancias oportunas para afrontar un proxecto deste calibre ao implicarse a Deputación e algún concello máis. "Non é máis barato, é máis razoable" sinalou Lores referíndose a este tipo de proxecto que, segundo o alcalde, dende o punto de vista ambiental "non hai color" respecto a outras alternativas de xestión de residuos.
Sobre as reticencias do grupo municipal socialista a esta proposta, Fernández Lores dixo que "agora hai unha posibilidade de facelo e vámolo intentar. Eu non teño nada que comentar con ninguén. Se alguén non entende isto pois eu que lle vou facer. Se o entende, que o entenda... Xa llo explicamos e punto. Non teño máis que dicir".
Pola súa banda, César Mosquera alertou da importancia de que o Concello de Pontevedra se comprometa neste proxecto para que poida desenvolverse: "A Deputación para botar a andar unha planta de compost necesita un compromiso firme do Concello de Pontevedra porque supón gastos e está claro que cos que están adheridos ao Plan provincial non é viable. Se se adhire o Concello de Pontevedra é viable, en principio. Pero botar a andar ten custes". O concelleiro de Infraestruturas sinalou que é necesario que dende o goberno local se mostre interese en que esta planta se poida poñer en marcha: "Se a Deputación vai incurrir en gastos para botalo a andar é unha demostración de que está en camiño, o Concello de Pontevedra ten que mostrar o compromiso máis firme posible".