O PSdeG-PSOE queda só na súa oposición á planta de compostaxe en Pontevedra

Pontevedra
20 de outubro 2014

Os nacionalistas tombaron a moción presentada polos socialistas para que se anulase o protocolo de colaboración asinado entre Concello e Deputación. Tampouco lograron o apoio de María Biempica nin do PP, cuxos dez concelleiros optaron por absterse

Agustín Fernández e Antón Louro, antes de comezar o pleno
Agustín Fernández e Antón Louro, antes de comezar o pleno / Mónica Patxot

As posturas entre o PSdeG-PSOE e o BNG con respecto á futura planta de compostaxe son irreconciliables. Quedou de manifesto de novo no Pleno municipal deste luns. Os nacionalistas tombaron a moción presentada polos socialistas para que se anulase o protocolo de colaboración asinado entre Concello e Deputación. Tampouco lograron o apoio de María Biempica nin do PP, cuxos dez concelleiros optaron por absterse.

Agustín Fernández, que defendeu no pleno esta moción, reiterou que Pontevedra non é o lugar axeitado para acoller unha instalación deste tipo, que converterían, dixo, seis hectáreas de monte nun "vertedoiro". Criticou que este proxecto non conte con informes urbanísticos, ambientais ou económicos de ningún tipo e que non se analice de forma "global e consensuada", o que provocou que sexa un "reino de Taifas".

O edil socialista afirmou que Pontevedra non ten problemas "incitantes" co lixo, polo que insistiu en que a mellor decisión sería paralizar a tramitación da planta de compost para poder estudar outras alternativas, incluíndo a Xunta de Galicia neste proxecto. Cre que a situación máis adecuada sería, en todo caso, un polígono industrial, e solicitou que se consulte aos cidadáns sobre este asunto, incluíndo a postura de cada partido no programa electoral.

Pero a argumentación do PSdeG-PSOE non encontrou eco ningún. Dende as filas do PP, o concelleiro Pablo Fernández, que criticou estas "pedras non camiño" por parte dos socialistas, reiterou que o seu grupo político apoiará o proxecto da planta de compostaxe se non hai oposición veciñal e ironizou co feito de que os socios de goberno volvan mostrar as súas diferenzas en público sobre este asunto.

Moito máis crítico foi César Mosquera, que acusou os seus socios de goberno de presentar esta moción para "armar barullo" e de opoñerse a este proxecto "porque non o impulsan eles" como na Coruña. Afirmou que as enerxías hai que gastalas "para construír e non para corroer" e lamentou que estas críticas socialistas aparecesen "cando parece que este asunto vai para adiante", algo ao que, dixo, "xa estamos acostumados".

MOCIÿN DO PP SOBRE A UNIDADE NO GOBERNO

Este asunto debateuse pouco despois de que o Partido Popular presentase unha moción para pedirlle a BNG e PSdeG-PSOE que aparquen as súas diferenzas e asinasen un "pacto de unidade" para impulsar un goberno estable ata as próximas eleccións municipais. Foi rexeitada polos votos de socialistas e nacionalistas, que defenderon que o acordo do goberno funciona "razoablemente ben".

Tampouco foi apoiada pola ex concelleira popular, María Biempica, que ao igual que os membros do bipartito, recordou que tamén o PP peca de falta de unidade, en referencia aos cinco edís que abandonaron o grupo municipal popular dende o inicio da lexislatura. "En esta vida se recibe lo que das, si das humo recibes humo y es de mal político pedir una unidad que, en realidad, no se quiere", dixo a concelleira non adscrita en referencia á súa situación.

Arquivado en