Os seis quilómetros do primeiro tramo da autovía A-57, entre Vilaboa e A Ermida (Marcón), abrirán ao tráfico antes de que termine este ano. Así o avanzou este martes o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, que asegurou que as obras están executadas ao 90%.
Tras manter unha reunión de traballo co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o delegado puxo en valor os 65 millóns de euros que o Goberno inviste nesta infraestrutura, que acumula oito anos de atraso.
Con respecto aos outros dous tramos, A Ermida-Pilarteiros e Pilateiros-Barro, que permitirán a conexión directa da A-57 coa AP-9 e coa Autovía do Salnés, o Goberno xa encargou a redacción dos proxectos construtivos, polo que destacou que "están en marcha".
Blanco asegurou que o Ministerio de Transportes ordenou aos seus técnicos que teñan en conta as alegacións presentadas polos afectados, especialmente nas parroquias pontevedresas de Bora e Xeve, para reducir as afeccións "se é posible tecnicamente".
Ademais da A-57, nesta reunión, na que participaron tamén o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, e a tenente de alcalde, Eva Vilaverde, ambas as partes abordaron o "inminente" inicio das obras de reforma do Nó de Bombeiros.
Antes de iniciar esta actuación, na que se investirán 9,5 millóns, haberá unha reunión bilateral para que o ministerio e a Policía Local poidan coordinar o operativo de tráfico que deberá paliar os problemas na circulación que provocarán estas obras.
O delegado, que sostivo que o Goberno está "comprometido con Pontevedra", citou ademais os 3,4 millóns de euros que destinou o Executivo central para renaturalizar o Gafos e a marisma de Alba ou os 2,7 millóns para a reforma integral da Rúa da Santiña.
A eles sumou outros 1,7 millóns para a reforma do edificio municipal de Churruchaos e o vello conservatorio de música, os 1,7 millóns investidos na rehabilitación do Parador de Turismo ou os 3 millóns para o plan de sustentabilidade turística en destino.
"O Goberno de España está comprometido coa cidade, cos seus plans de presente e de futuro, e valora moi positivamente as súas políticas en prol da aposta do Goberno pola sostibilidade, a recuperación de espazos e a convivencia", sentenciou o delegado.
Xunto con todos estes proxectos, o alcalde pediu que o Goberno inclúa a rehabilitación de Santa Clara no programa do 1% Cultural do Ministerio de Cultura e que se desbloquee a segunda fase do paseo peonil e ciclista entre Pontevedra e Marín.
Ademais, Fernández Lores pediu que se axilicen os trámites para que as dependencias do Estado, entre elas a DGT, abandone a Xunqueira d Gándara ou que se desbloquee a reforma do antigo edificio de Facenda na Ferrería.