O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, acudiu este luns ao lugar de Pintos na parroquia de Marcón para visitar as obras da autovía A-57 no tramo entre Vilaboa e A Ermida, onde indicou que o PP segue promovendo unha xestión que busca a eficacia e o ben común, porque "los sectarismos y prejuicios no sirven para nada".
Rajoy estivo acompañado durante a visita polo ministro de Fomento, Iñigo de la Serna, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. O presidente do Goberno anunciou que este primeiro tramo de seis quilómetros da "futura circunvalación de Pontevedra" estará finalizado en 2019.
No segundo trimestre deste ano está previsto someter a información pública o proxecto de trazado entre A Ermida e Pilarteiros, en Xeve, e "posteriormente, cuando tengamos declaración de impacto ambiental" do tramo Pilarteiros Barro e a conexión coa AP-9 en Curro, licitarase a redacción do proxecto do terceiro tramo.
A autovía A-57 será unha "alternativa de gran capacidad y libre de peaje" á estrada Nacional N-550, pero "sobretodo va a contribuir a dinamizar la actividad económica de la zona" ao conectar os polígonos empresariais do Campiño e Barro-Meis.
Ademais, engadiu Rajoy, esta infraestrutura "ayudará a promover el sector servicios y, en particular, el turismo asociado al Camino Portugués a Santiago".
No seu discurso o presidente do goberno anunciou a execución do tramo alternativo entre Vigo e Porriño da Autovía das Rías Baixas, cun investimento de 377 millóns incluída no Plan Extraordinario de Investimentos en Estradas ( PIC) permitirá completar o trazado da A-52 ata a cidade de Vigo.
Esta actuación será unha "infraestrutura alternativa a la A-55" e que permitirá "mejorar la seguridad viaria en esta zona", un viario que ten unhas elevadas cifras de sinistralidade ao seu paso por Mos.
Mariano Rajoy virou a súa intervención sobre a "gran oportunidad" que ten España de que a crise pase a ser historia "si hacemos las cosas bien", en referencia ao proxecto dos Orzamentos Xerais do Estado no Congreso que se presentará este martes.
"Los próximos años pueden ser buenos y la historia de la crisis se quedará solamente en eso, en lo que fue", dixo.
O presidente aspira a completar o "círculo virtuoso": seguir crecendo, creando emprego, aumentando a recadación das administracións públicas e fortalecendo a economía en xeral.
A outra referencia á cidade de Pontevedra fíxoa Núñez Feijóo que se felicitou porque a remodelación do Nó de Bombeiros se vaia a facer con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado e non con novas cargas á peaxe.