O presidente daAutoridade Portuaria de Marín, José Benito Suárez Costa, aínda descoñece que sucederá cos recheos que o Tribunal Supremo considerou ilegais obrigando a súa demolición. Suárez Costa indicou que o tema se encontra en mans da Avogacía do Estado pero quixo destacar que todas as obras de recheo dispoñen de declaración de impacto medio ambiental.
En todo caso, o presidente da Autoridade Portuaria sinala que os 300.000 metros cadrados afectados pola sentenza son moi necesarios para manter os actuais postos de traballo sinalando que a execución da sentenza coa demolición supoñería a perda de tres empresas e de 400 empregos. "Perderíanse peiraos e calados, non habería actividade loxística e perderíanse os traballadores", remarcou Suárez Costa.
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, tamén indicou que esta ampliación ofrecía outros beneficios para os cidadáns como a cesión de 3 hectáreas de terreos das instalacións portuarias ao Concello de Marín ao longo dos últimos anos. "Estamos todos en la defensa de que tenemos la razón y ahora estamos en que te la tienen que dar", apuntou Ramallo.
Precisamente, na mañá deste 29 de outubro, Suárez Costa e María Ramallo asinaban a cesión portuaria ao Concello de Marín dun local de 370 metros cadrados no que está previsto que, a través dunha iniciativa privada, poida entrar en funcionamento no futuro un viveiro de empresas relacionadas con actividades marítimas.