O PP tamén alega contra a regulación dos crematorios para "afastalos da cidade"

Pontevedra
17 de xaneiro 2014

A oposición municipal reclama que se manteña a distancia de seguridade de 500 metros "pactada pola corporación en novembro de 2012" e se aposte preferentemente por unha zona industrial para eses usos, ao tempo que insiste en que a negativa nacionalista a retomar os traballos para contar cun novo Plan Xeral de Ordenación "é o xerme deste tipo de conflitos"

Igual que fixeron recentemente os veciños da Parda, primeiro de forma colectiva e despois a título individual, o Partido Popular presentou este venres as súas alegacións ao proxecto de modificación puntual do PXOM impulsado polo goberno municipal para regular o uso de crematorios na cidade, unha iniciativa que, segundo os populares, permitirá a habilitación dunha instalación deste tipo na Parda e que segue a suscitar unha forte contestación veciñal.

A oposición municipal reclama que se manteña a distancia de seguridade de 500 metros "pactada pola corporación en novembro de 2012" e se aposte preferentemente por unha zona industrial para eses usos, ao tempo que insiste en que a negativa nacionalista a retomar os traballos para contar cun novo Plan Xeral de Ordenación "é o xerme deste tipo de conflitos".

O documento presentado polo PP incide en que a modificación urbanística proposta polo goberno rebaixou, "sen motivación algunha", aquela área de protección de 500 metros a tan só 50, "o que supón un engano para os veciños afectados". Matiza tamén que esa distancia estableceuse con relación a solos de usos residenciais ou terciarios, pero omitindo outros a ter en conta, din, como centros de ensino, zonas deportivas, parques infantís ou áreas de lecer.

Nas súas alegacións, o grupo municipal do Partido Popular reclama ademais unha regulación moito máis específica para estes crematorios, que inclúa aspectos como a parcela mínima, a tipoloxía da edificación, os materiais non permitidos para os acabados exteriores, a edificabilidade e altura máximas, a separación a lindeiros e estradas, as dimensións da cheminea ou as condicións do peche da parcela.

O PP considera que a "previsible" concesión de licenza para o forno que pretende instalar Funespaña na Parda, "en principio co camiño expedito a raíz desa rebaixa da franxa de seguridade", debe deixarse como mínimo ata a aprobación definitiva da modificación puntual do PXOM. E entende así mesmo que se teñen que establecer unhas normas para a construción de tanatorios similares ás dos crematorios, dada a vinculación destes dous servizos funerarios.

Finalmente, o documento incide na "discriminación" que supón permitir que se instale nunha zona residencial como A Parda un servizo "que non se quere e se prohibe para outras zonas igualmente residenciais".