A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, instou este mércores ao goberno galego a que estableza unha franxa de protección entre os crematorios e os núcleos habitados. A deputada socialista presentou esta proposta na Comisión de Medio Ambiente do Parlamento que se celebrou este mércores, e que foi rexeitada polo PP.
Vilán lembrou que a normativa en vigor impídelle aos concellos denegar as solicitudes de instalación de crematorios, cando si que ten uns criterios para determinar a distancia de seguridade cos cemiterios e tanatorios. Reclamoulle ao goberno galego que garanta amparo legal aos concellos para poder establecer estas instalacións nos lugares mais acaídos.
Criticou o "desleixo" do goberno galego con este tema, limitándose a anunciar que "están a traballar" nun novo decreto de sanidade mortuoria, "obviando as súas competencias propias e limitándose a trasladarlle o problema aos concellos". Por este motivo, reclámalle que revise o decreto de Policía Sanitaria Mortuoria e o decreto de Avaliación de Incidencia Ambiental.
Deste xeito, explica, podería "establecer unha franxa de protección separación aos núcleos habitados", ademais de "extremar os principios de prudencia e cautela no que atinxe ás instalacións dedicadas á cremación de cadáveres".
PONTEVEDRA
Lembrou o caso de Pontevedra, onde os veciños están a advertir cómo en breve poderían ver unha destas instalacións en diversas localizacións sensibles, como é o caso da casa de Filgueira Valverde, en plena zona monumental, ao carón dun parque infantil e á beira da ría, que foi unha das cinco solicitudes de instalación que o Concello chegou a ter sobre a mesa.
Acusou ao PP de utilizar o asunto como "arma política en contra do Concello, negándose a situalo ao carón do cemiterio e o tanatorio e chegando a cambiar o seu voto na Corporación Municipal respecto destas instalacións no prazo de catro anos". Lembrou que "sorprendentemente non insisten nada en autorizar o crematorio ao carón das residencias dos seus altos cargos".