O Partido Popular presentou unha queixa formal contra o socialista Antón Louro. Acúsano de querer manter o "máximo segredo" sobre os termos definitivos da súa proposta para regular a instalación de fornos crematorios no Concello de Pontevedra. Así o afirman, din os populares nun comunicado, despois de que se convocara a Comisión Municipal de Urbanismo "sen nin sequera facilitarnos o expediente, tal e como é preceptivo".
Jacobo Moreira, voceiro do PP, asegura que "non estamos dispostos a participar neste xogo de falta de transparencia e misterio nun asunto que segue a xerar moito rexeitamento social en diversos puntos do casco urbano", e esixe ao concelleiro socialista "que actúe con total limpeza ante os veciños".
Nun escrito dirixido este luns ao propio Louro, o portavoz popular incide en que os expedientes deben estar á disposición dos membros da corporación desde tres días antes da celebración da comisión e desde o mesmo momento da súa convocatoria. "Se pretende que aprobemos o que el quere sen estudalo, nun tema que ten a moitos veciños en alerta, que se vaia esquecendo", sostén Moreira.
Neste sentido, o concelleiro do PP lembrou que neste conflitivo asunto Antón Louro "lanzou a miúdo mensaxes que confundiron e desconcertaron aos opositores aos distintos proxectos de instalación de fornos crematorios que coinciden hoxe en Pontevedra". Neste mesmo contexto, enmarcan os populares, as últimas declaracións do concelleiro de Urbanismo, "iso si, sempre sen mostrar o contido exacto da mesma".