A postura manifestada polo equipo de goberno da Deputación de Pontevedra sobre a necesidade dun novo modelo de xestión do consorcio dos Parques de Bombeiros, que cambiase a actual xestión indirecta por unha fórmula directa. Unha postura á que se mostrou receptiva a Xunta de Galicia. Agora, desde o Partido Popular reclámase á presidenta da Deputación e tamén do Consorcio, Carmela Silva, que remita os informes económicos, financeiros e xurídicos nos que se recollan todas as incidencias que supoñería este novo modelo de xestión.
A través dunha moción que presentarán no pleno provincial, os populares pedirán que se explique que sucederá cos traballadores dos parques no caso de que se asuma esa nova xestión. Solicitan información sobre o incremento de custos ou as consecuencias que se derivarían desta iniciativa. Neste sentido, Ángel Moldes, portavoz do PP na Deputación sinala que os informes solicitados pola Xunta de Galicia acumulan meses de atraso.
PARQUE DE MAQUINARIA
En relación co conflito dos traballadores do Parque de Maquinaria, Moldes insistiu en que a posición do PP é a de reclamar unha boa xestión deste servizo. Denuncia que as máquinas están paradas en numerosas ocasións. E neste sentido, insistiu en que carece de sentido reclamar a xestión directa dos Bombeiros cando o goberno da Deputación ten "parado" ao Parque de Maquinaria, con funcionarios públicos e unha xestión directa, para contratar a empresas privadas.
O portavoz popular insistiu en que desde o equipo de goberno preténdese culpabilizar aos traballadores desta situación para utilizalo como unha cortina de fume, que permita privatizar este servizo como, segundo Moldes, denuncia Comisiones Obreras.