A orde do día do Pleno da corporación municipal, que se celebrará o próximo luns 20 de outubro, incluirá unha rechamante moción. Presentaraa o Partido Popular, "preocupado" ante os últimos desencontros entre o BNG e o PSdeG-PSOE. Os populares pedirán que os membros do goberno municipal selen un "pacto de unidad" para que non haxa máis disputas públicas entre eles ata as próximas eleccións.
Segundo explicou o voceiro do PP, Jacobo Moreira, os dous partidos que sustentan o bipartito "se torpedean proyectos entre ellos", unha situación, dixo, que crea "mala sensación en la ciudadanía" así como un risco de perda de recursos e de atención sobre os "verdaderos problemas" dos pontevedreses.
"Supuestamente, BNG y PSOE firmaron en el 2011 un pacto para un gobierno estable y hoy vemos de todo menos estabilidad y las continuas peleas afectan a los ciudadanos", denunciou Moreira. De aí que os populares esixan "que se ponga un punto y final a esto" para que a cidade conte cun goberno estable durante os próximos meses.
Esta moción, presentada este xoves na Xunta de Voceiros, foi recibida con sorpresa tanto no BNG coma no PSOE. Neste último, Agustín Fernández sinalou que o pacto de goberno "funciona moito mellor que o PP a nivel interno"; mentres que Miguel Anxo Fernández Lores ironizou con que presentarán unha "contraoferta" á devandita moción, que recuperen aos catro concelleiros que abandonaron o grupo municipal do PP e ata a Telmo Martín.
OUTRAS MOCIÿNS
Precisamente o Pleno do próximo luns estará monopolizada por mocións e interpretacións varias ao goberno municipal. Presentarase a moción do BNG para que restaure simbolicamente á corporación municipal de 1936, destituída tras o levantamento militar; e o PSOE pedirá que se anule o convenio coa Deputación para a planta de compostaxe e que a DXT cumpra cos proxectos pendentes que ten en Pontevedra.
Ademais, o Partido Popular pedirá que se aprobe un calendario de actos para conmemorar a concesión do Día das Letras Galegas a Filgueira Valverde, propoñerá unha declaración institucional de apoio ao Porto de Marín ante a sentenza que obriga a demoler os recheos ilegais e interpelará o alcalde sobre os intereses que o Concello de Pontevedra paga a Sogama dende 2004 debido ao conflito que mantén con este organismo.