O PP pedirá "apoio unánime" no pleno da Deputación para que os terreos que ocupa Ence se adscriban ao Porto de Marín

Pontevedra
24 de novembro 2021

Pepa Pardo, portavoz do grupo popular, pide que se atenda ao informe do Consello Consultivo da Xunta e alerta da necesidade de "buscar alternativas viables que garantan o mantemento da fábrica en Lourizán e dos postos de traballo, porque do contrario as consecuencias económicas e sociais para a cidade e para a provincia serían incontables"

Fábrica de Ence na ría de Pontevedra
Fábrica de Ence na ría de Pontevedra

Do mesmo xeito que sucedeu no último pleno municipal de Pontevedra, o Partido Popular demandará ao pleno provincial da Deputación previsto para este venres 26 un "apoio unánime" por parte de todos os grupos ao mantemento dos postos de traballo de Ence e á adscrición ao Porto de Marín dos terreos que actualmente ocupa a fábrica pasteira en Lourizán.

A deputada popular Pepa Pardo defenderá esta postura amparándose no informe emitido polo Consello Consultivo da Xunta, que admitía a legalidade da opción de que a Autoridade Portuaria asuma esa zona marítimo terrestre de dominio público, onde se atopa instalada a factoría.

A proposta é unha "ofensiva política" a través de mocións coa intención de que se aplique esta "solución xurídica" co obxectivo de manter os postos de traballo, ante as tres sentencias da Audiencia Nacional que anulan a prórroga concedida en 2016 polo goberno en funcións de Mariano Rajoy á empresa.

Pepa Pardo considera que o informe presentado o 20 de outubro polo Consello Consultivo avala a posibilidade de adscribir eses terreos e "por iso as administracións debemos posicionarnos de forma clara á beira do mantemento dos postos de traballo dos nosos veciños". Considera que "é importante buscar alternativas viables" porque, afirma, "de non ser así as consecuencias económicas e sociais para a cidade e para a provincia serían incontables". Lembra que o Concello de Pontevedra acudiu "moitas veces para consultar" ao Consello Consultivo, por iso entende que a moción debe ser apoiada polo grupo de goberno provincial.

Asegura que "nin a Deputación nin o Concello de Pontevedra empatizaron coa situación dos traballadores e das súas familias, e mostraron un claro desinterese por manter a industria da cidade e da provincia". Pardo conclúe expoñendo que o impacto do peche da compañía "sería letal para numerosos sectores da provincia" e, por este motivo, entende que é responsabilidade dos cargos públicos colaborar nunha solución que garanta a continuidade "sen matices" dos postos de traballo.

Precisamente, este xoves 25 vai desenvolverse un encontro telemático do Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Marín. Durante o seu transcurso vai someterse a votación o inicio dos trámites do expediente para incorporar os terreos de Lourizán que ocupa a fábrica de Ence á zona de servizo do porto.

Arquivado en