O candidato do Partido Popular á alcaldía de Pontevedra, Jacobo Moreira, visitou este venres xunto a varios membros da Plataforma Anti - Planta de Compostaxe os terreos onde está proxectada esta infraestrutura na parroquia da Canicouva.
Despois gardar a súa opinión durante semanas e logo de percorrer o emprazamento e aínda sobre o terreo, o candidato á alcaldía de Pontevedra trasladoulles aos membros da Plataforma a súa postura ao respecto que non é outra que o rexeitamento á ubicación "porque non cumpre a condición, a única condición, que o Partido Popular esixiu a Lores para poder apoiar este proxecto" que é que a localización elexida "non xerase rexeitamento veciñal".
Moreira criticou que a elección da ubicación fose "unilateral" por parte do goberno, "sen consultar ao líder da oposición, e mesmo sen contar co apoio dos seus socios de goberno" e salientou que "cada vez son máis os veciños e colectivos os que se suman a esta oposición".
"Ante este situación e visto que o rexeitamento veciñal é manifesto", Jacobo Moreira afirmou que "Lores non ten o meu apoio para instalar a planta de compostaxe en A Canicouva".
Moreira cre que "o apoio do Grupo Municipal do Partido Popular era a clave para que este proxecto saíra a diante" e engadiu que "Lores non pode poñer a disposición uns terreos para unha planta de compostaxe sen antes ter a autorización e o apoio do Grupo Municipal do Partido Popular".
O PSOE RESPONDE
Agustín Fernández, secretario local do PSdeG-PSOE, afirma que os pontevedreses están estupefactos cos vaivéns electorais de Jacobo Moreira. Asegura que o cambio de postura ao respecto do proxecto da planta de lixo na Canicouva non é crible porque, despois de maio, o PP seguirá apoiándoa.
"Tiveron tempo de sobra para demostralo e o único que fixeron foi apoiar expresamente o 'basureiro'", apuntou Agustín Fernández.