O PP local condiciona o seu apoio á planta de compostaxe a que a súa instalación non atope oposición veciñal

Pontevedra
17 de maio 2014

Jacobo Moreira asegura que "o que non permitiremos baixo ningún concepto é que Lores faga con esta instalación o mesmo que cos crematorios". A Deputación e o Concello asinaron este venres un convenio para facilitar a creación desta instalación

Sinatura do protocolo para a posta en marcha dunha planta de compostaxe
Sinatura do protocolo para a posta en marcha dunha planta de compostaxe

O grupo municipal do Partido Popular en Pontevedra apoiará no próximo pleno o protocolo asinado este venres entre Deputación e Concello para a creación dunha planta de compostaxe no municipio.

Con todo, segundo revelou Jacobo Moreira nun comunicado, farao sempre que a instalación non atope o rexeitamento veciñal.

Moreira sinalou que "o que non permitiremos baixo ningún concepto e que Lores faga con esta instalación o mesmo que cos crematorios, que sinale a unha comunidade veciñal como prexudicada, como pasou coa Parda, sen molestarse sequera en escoitar os seus argumentos nin reunirse cos residentes".

Esta planta, pensada como un proxecto intermunicipal para atender a máis de 20 concellos, está impulsada desde a administración provincial, que fai máis dun ano iniciou conversas con diferentes alcaldes co apoio do BNG.

A pesar do acordo entre a propia Deputación e o Concello, o grupo municipal do PP en Pontevedra entende que aínda hai moitos aspectos no aire, como a viabilidade da instalación ou un calendario de actuacións "realista e concreto".

Arquivado en