O grupo municipal do PP no Concello de Pontevedra trasladará ao Pleno da Corporación as denuncias dos veciños de Bora e Xeve en relación coa autovía A-57 e a petición de que se busque un novo trazado que sexa menos lesivo e que inclúa as suxestións que os veciños destas dúas parroquias trasladaron aos técnicos de Fomento hai xa varios meses.
O PP, que hai catro anos rexeitou ter en conta as queixas dos veciños de Marcón cando se estaba elaborando o proxecto para o primeiro tramo da A-57, si asume as demandas veciñais dos afectados polo tramo da A57 que conecta A Ermida e Pilarteiros e trasladaraas na sesión plenaria este luns 21 de xaneiro.
Os 'populares' pontevedreses sosteñen que o documento, que se atopa en fase de exposición pública, establece dúas alternativas para este trazado, pero "ningunha conta coas achegas dos colectivos e asociacines veciñais das parroquias afectadas", de modo que consideran que "o máis conveniente" é rexeitar as dúas propostas e solicitar a elaboración dunha nova proposta "menos lesiva".
Ademais, critican que o goberno local do BNG apoiou na Comisión de Mobilidade a alternativa 1 presentada polo Ministerio de Fomento "sen escoitar nin analizar se é a máis apropiada para os veciños de Xeve e Bora" e lamentan que non lideren as reivindicacións dos veciños das parroquias de Bora e Xeve.
"É triste que o alcalde de Pontevedra se esconda ante este problema e non dea a cara", indica o portavoz local do PP, Rafa Domínguez.