O PP galego apoiará a planta de compost se consegue o respaldo da Corporación e dos veciños

Pontevedra
24 de febreiro 2015

O proxecto para construír unha planta de compostaxe na Canicouva chegará este mércores ao Parlamento de Galicia a través dunha proposición non de lei presentada polo PsdeG-PSOE. O PP ve "paradóxico" que os socialistas rexistren e defendan na Cámara unha proposición non de lei que pide que a Xunta de Galicia vete o proxecto dun goberno do que forman parte

Parlamento de Galicia
Parlamento de Galicia

O proxecto para construír unha planta de compostaxe na Canicouva chegará este mércores ao Parlamento de Galicia a través dunha proposición non de lei presentada polo PsdeG-PSOE. Ante ese inminente debate, o PPdeG ven de facer pública a postura que vai defender no pleno e que condicionará o seu apoio ao proxecto "a que  teña o apoio da corporación municipal e non suscite un amplo rexeitamento veciñal".

O partido sinalou a través dun comunicado que ve "paradóxico" que os socialistas rexistren e defendan na Cámara unha proposición non de lei que pide que a Xunta de Galicia vete o proxecto dun goberno do que forman parte.

O PSdeG solicita á Xunta que non participe ou abandone a promoción de calquera proxecto de construción dunha planta de xestión e tratamento de residuos no concello de Pontevedra. Ante esta petición, o grupo do PP considera grave que os socialistas galegos demanden á Xunta de Galicia que discrimine ao Concello de Pontevedra e aos seus veciños na dotación de infraestruturas para a prestación dun servizo básico como é a xestión dos residuos.

Os 'populares' critican que os socialistas neguen o apoio á construción dunha planta de xestión e tratamento de residuos, cando o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2020 deixa en mans dos concellos ou mancomunidades a decisión da situación, zona de influencia e capacidade das plantas de tratamento necesarias.

Dende o PPdeG avógase pola postura de que a Xunta de Galicia non negue o seu apoio a calquera iniciativa para a xestión dos residuos orgánicos que contribúa a alcanzar os obxectivos polo Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia, valorando sempre que teña o respaldo tanto do concello ou concellos afectados como da gran maioría dos veciños.

Arquivado en