As dúas alternativas que baralla Fomento para o segundo tramo da autovía A-57 teñen un "enorme impacto social", segundo denuncia o Partido Popular de Pontevedra. Por iso é polo que solicitasen ao Goberno que busquen un trazado "menos lesivo" para os veciños de Xeve e Bora.
Os afectados mantiveron un encontro coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, os deputados Pilar Rojo e Tomás Fole, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e responsables do PP municipal, entre eles Rafa Domínguez e Pepa Pardo.
Domínguez denunciou que están "comprometidas" unhas cincuenta casas, total ou parcialmente, e que os técnicos do ministerio non incorporaron ao proxecto ningunha das suxestións realizadas polos veciños.
Ademais, lamentou a data elixida para someter o trazado a exposición pública, en pleno Nadal, o que "dificulta la capacidad de reacción" dos afectados; e que o goberno municipal non recibise aos afectados.
"Intentaremos, a través de iniciativas tanto a nivel local como autonómico y nacional, que se busque un trazado que sea menos lesivo y que incluya las sugerencias de los vecinos", engadiu Domínguez.
Preguntado sobre por que o PP atende agora aos veciños de Xeve e Bora e non o fixo cos de Marcón cando a A-57 esnaquizou o monte da Fracha, o líder dos populares pontevedreses sinalou que estes "también eran importantes", pero recoñeceu que "lo que está hecho yo ya no lo puedo modificar".