O PP esixe ao goberno municipal que anule a adxudicación para o aluguer dos terreos da comunidade de montes da Canicouva, nos que o Concello de Pontevedra ten previsto construír a planta de compostaxe.
Así, presentarán unha moción no próximo pleno a este respecto, xa que entenden que é unha "burla" que se comece a pagar o aluguer desde que se asine o contrato cando "no existe ningún proyecto" para a construción da planta, "ni se sabe aun cuando se comenzará a construir". Iso levaría, dixo, a pagar 24.200 euros ao ano por un terreo que "no se sabe si se va a utilizar".
Ademais, tamén se mostran "perplejos" pola cláusula quinta do contrato, que fixa que se a planta de compostaxe non se constrúe nun prazo de catro anos, o contrato quedará automaticamente extinguido. Desa forma, segundo Jacobo Moreira, pode darse no caso de que, tendo en conta que "no hay proyecto ni fecha de inicio de las obras", o Concello chegue a pagar case 100.000 euros á comunidade de montes "a cambio de nada".
Son uns feitos "moi graves", segundo Moreira, que mesmo chega a suxerir que o proceso de adxudicación foi un "concurso a la carta", polo que instan o goberno municipal a que explicacións.
En todo caso, os populares lembran que o seu apoio a este proxecto era condicionado a que houbese rexeitamento veciñal, algo que non cumpre, afirmou, neste caso. Por ese motivo, avanzou que están a estudar posibles alternativas para frear a súa tramitación como unha posible suspensión de licenzas para plantas de compostaxe durante un ano, igual que se fixo recentemente cos crematorios.