O PP di que "non hai ningún proxecto" para ampliar a EDAR dos Praceres pero non o descarta

Pontevedra
22 de febreiro 2019

O Partido Popular non descarta que "se fai falla" vaia a ampliar a máis do dobre do seu tamaño a Estación Depuradora de Augas Residuais dos Praceres

Ordenación do Territorio, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos
Ordenación do Territorio, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos / Parlamento de Galicia

O Partido Popular non descarta que "se fai falla" vaia a ampliar a máis do dobre do seu tamaño a Estación Depuradora de Augas Residuais dos Praceres. A día de hoxe, "non hai ningún proxecto en marcha". Así o manifestou na comisión de Ordenación do Territorio, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, do Parlamento galego.

Os intereses do PP foron defendidos polo parlamentario popular Jacobo Moreira. O exconcelleiro pontevedrés sinalou na Cámara galega que a decisión sobre a ampliación da EDAR "estudarase non seu momento". Segundo precisou, queda temporalmente aparcada ata que estean executadas as obras de reforma da planta actual de Praceres e a construción do novo emisario submarino.

"Hai unha posibilidade na que a medio prazo haberá que estudar se é necesaria a ampliación da EDAR", sinalou Jacobo Moreira.

O expresidente local do PP de Pontevedra tamén instou directamente ao Concello de Poio para que decida se a súa depuradora debe construírse en Raxó ou en Samieira. Lembrou que este asunto é agora competencia do Estado, tras ser declarada de interese xeral por parte do Goberno de Mariano Rajoy.

Neste sentido, o parlamentario do BNG Luís Bará lembrou que, desde hai anos, xa existe unha localización consensuada: Pampaído, no municipio de Sanxenxo. Pero, segundo engadiu, a Xunta cambiou de opinión porque "non lle gustou a Telmo Martín", engadindo a deputada socialista Patricia Vilán, que alí existen "determinadas especulacións urbanísticas".