O PP describe a situación do Parque de Maquinaria como "o reflexo da parálise" da Deputación

Pontevedra
02 de febreiro 2016

Os populares denunciaron a "mala xestión do bipartito", que teñen en "total abandono" aos concellos mentres "todas as máquinas e o persoal están parados"

Parque de Maquinaria
Parque de Maquinaria / PontevedraViva

O Partido Popular denunciou o estado de paralización absoluta que sofre o Parque de Maquinaria da Deputación de Pontevedra, "que desde o mes de agosto, no que se retiraron as máquinas dos concellos, non se volveron a mover do sitio".

Ata as instalacións da Xunqueira desprazáronse este martes os deputados populares Ángel Moldes e Luís Aragunde, que describiron a situación do parque como "o reflexo da parálise que teñen a institución e toda a provincia con este goberno".

Acompañados polos traballadores e polo representante sindical de CCOO na Deputación, Jose Ramón Piñeiro, os deputados fixeron un percorrido por todas as instalacións e valoraron en máis de 5 millóns de euros toda a maquinaria que está parada, e que facían que o Parque de Maquinaria da Deputación fose un referente en Galicia.

Ademais, destacaron que a planta de aglomerado, da que saían 1.000 toneladas diarias, tamén está parada, así como os aproximadamente 40 traballadores do servizo.

Os populares denunciaron a "mala xestión do bipartito", que teñen en "total abandono" aos concellos mentres "todas as máquinas e o persoal están parados".

O deputado Luís Aragunde criticou que "os concellos se están endebedando, teñen que contratar empresas privadas para manter os viais municipais e provinciais cando a maquinaria e o persoal da Deputación están parados, sen funcións nin traballo, durante toda a mañá".

Pola súa banda, Jose Ramón Piñeiro, agradeceu o interese mostrado polo Partido Popular  e criticou que o goberno provincial "está a facer unha política en contra dos intereses da cidadanía".

Segundo o portavoz de Comisións Obreiras "están a deixar morrer isto para logo sacar rendemento ás empresas privadas".

Arquivado en